24 jul 2016

2016, todo Manuel María

O pasado xoves 21 tivo lugar a xuntanza da sección de adultos deste Club de Lectura para comentar os Sonetos ao Val de Quiroga que tivera que ser adiada en maio. Aproveitamos a presenza de Xosé Estévez e a súa muller, Maribel Goñi, en terras quiroguesas para convidalos a acompañarnos nesa viaxe literaria, da que eles foron testemuñas no seu día.
Así, descubrimos a historia da edición deste poemario, dende a súa versión inicial de 1986 de vinte sonetos, ata a que foi definitiva, publicada en 1988 polo Concello de Quiroga e reeditada neste 2016.
Aquí deixamos unha imaxe onde están todas as "versións" desta obra, co interese engadido de que dúas delas son as feitas polo propio Manuel María, enviadas a Xosé Estévez por correo a Euskadi.

O verán, ás veces, ofrece oportunidades tan boas coma esta para parolar sobre libros, historia da literatura e da cultura galega, e, sobretodo, de amizade.
En setembro falaremos de Las sinsombrero, de Tania Ballo e A boca do monte, de Celia Díaz, as nosas seguintes lecturas, e tamén de todas as que fagamos no verán...
Boas lecturas!