25 abr 2016

Abril é moito!

Aínda que non nos facemos ver na rede, andamos a cen nestas datas. Non damos feito!
A rapazada está participando en actividades do ciclo "Abril de libros, maio de letras" (sobre a figura de Castelao, que dende a pasada semana ten presenza física neste centro, moi preto da biblioteca, por certo; o Mercado do Libro, que está a punto de comezar unha nova edición; lecturas presenciais de relatos breves escollidos; Quinielas lectoras -xa vos contaremos, xa- e outras propostas de lecer).
A sección de adultos celebrou o mércores 13 de abril unha xuntanza para comentar Wilt e a segunda parte de Os camiños da terra, de Otero Pedrayo, que require o seu tempo de lectura. Aínda que había un bo número de propostas para ler a continuación, ao final decidímonos por un clásico de actualidade, moi relacionado co espazo xeográfico quirogués, os Sonetos ao Val de Quiroga (xa sei xa, que non vos custou adiviñalo) de Manuel María; a idea é comentalo a terceira semana de maio, e conmemorar así, ademais, o Día das Letras, aproveitando que estará Xosé Estévez de novo por aquí.
Con respecto a esa obra, podedes acceder na rede aos audios correspondentes á lectura dos poemas que a integran, na voz do alumnado, do profesorado e do persoal non docente do noso IES. Foi un pracer colaborar para darlle voz ás fermosas composicións de Manuel María. Algunhas delas xa se escoitaron nos propios espazos aos que fan referencia, durante o Roteiro Manuel María e os Sonetos ao Val de Quiroga, organizado polo CAFI, que tivo lugar o 9 de abril.
A primeiros de maio, unha boa parte do noso alumnado participará na mesma experiencia, percorrendo as paisaxes ás que alude o poeta chairego durante unha andaina.
Tamén en relación con esta obriña -leit motiv deste curso, como vedes - estivo con nós Xosé Estévez, veciño de Quiroga residente en Euskadi, amigo persoal de Manuel María, e prologuista dese poemario, que nos falou do autor ao que este ano se lle adican as letras, e que el coñeceu tan ben.
A súa charla, aberta á comunidade educativa, deu pé para saber moitas cousas da historia da localidade e mesmo de familiares e persoas coñecidas dos asistentes. Aínda máis: deunos a oportunidade de coñecer un soneto inédito, escrito polo autor chairego trala morte de Pin Teixelo, o pintor que ilustrou a primeira edición dos Sonetos...




2 abr 2016

Sonetos, sonetos...

Acordádevos que o luns 4 comezamos coas gravacións dos Sonetos ao Val de Quiroga, de Manuel María. No primeiro recreo terá lugar unha minixuntanza de organización: distribución dos textos a aqueles/as que aínda non o teñan seleccionado e planificación de horarios para gravar (recreos desta semana).
Por outra parte, tamén teremos o mércores no segundo recreo unha xuntanza para ler en grupo o relato de Amor dos quince anos, Marilyn titulado "Malos tempos para fantasmas" e decidiremos cal é a nosa seguinte lectura presencial, que esta vez vai vir da man de Castelao...
Tamén temos pendente outra sesión de comentario de Danny, campeón del mundo (como acordamos na que houbo o martes 29), ide pensando cando tedes un oco...