27 jun 2018

Sempre hai que ter algo entre as mans

Pois si. Veu o verán de lecturas cheíño, e nós imos aproveitar ben o tempo.
A sección de adultos xa fixou unha nova xuntanza de comentario para a primeira semana de setembro: degustaremos Contra todo isto, de Manolo Rivas e Huye rápido, vete lejos, de Fred Vargas.
Iso de menú principal... logo cadaquén traerá algunha sobremesa saborosa da que falar.

E este ano, por primeira vez, tamén o alumnado máis veterano no clube se animou a comezar xusto á volta das vacacións comentando unha obra de lectura. Neste caso a proposta foi Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana.




16 jun 2018

Últimas sesións deste curso

Recordatoooorio!

O luns 18, no segundo recreo a sección do alumnado de menos idade -e calquera outro/a que queira vir-: comentario de La cruzada de los niños.

O mércores 20, no segundo recreo, xuntanza xeral do alumnado membro: peche das actividades deste curso, con algunha sorpresiña.
O venres 22, á hora de xantar, como vén sendo habitual, a sección de adultos tamén se reúne para ter a última xuntanza deste curso. Falaremos das obras que temos pendentes de comentario e estableceranse as lecturas de verán... hum... xa hai varias propostas deliciosas...

Por se tíñades curiosidade... o puzzle de libros, acabámolo. Aquí podedes ver como era de intensa a actividade para poñer as últimas pezas:

11 jun 2018

O tempo vaise, as lecturas quedan

Ao borde xa de rematar o curso, damos breve noticia dalgunhas actividades feitas neste último trimestre: rematamos maio coas lecturas no CEIP de Quiroga e no CEIP de San Clodio por parte do alumnado deste Club de Lectura (podedes ver as imaxes nestes enlaces ao facebook do centro onde se colgaron).
As lectoras e os lectores da sección do alumnado, participaron activamente en distintas propostas de "Abril de libros, maio de letras", ás que se fai referencia no blog da biblioteca máis polo miúdo. Iso si, unha das actividades estivo dirixida moi especificamente a eles/as: o encontro con Marilar Aleixandre, que visitou o noso centro o 3 de maio para falar dos seus libros. Aquí deixamos algunhas imaxes desa actividade (tamén houbo un encontro posterior coa sección de adultos de Libromanía, co habitual xantar de comentario):