22 dic 2018

Tradición e vangarda

Onte o grupo de lector@s de BAC comentou Romancero Gitano, a maxistral obra de Federico García Lorca, nun xantar onde o menú principal foi a pizza e a sobremesa, os versos do poeta granadino. De entrantes houbo un pouco de todo: nestas datas hai tantas cousas para contar...

Deixamos ao Galván de testemuña da nosa 2ª xuntanza...
As composicións deste poemario que tiveron máis éxito entre o grupo foron o "Romance de la luna, luna", "Preciosa y el aire", "Reyerta" ou "Romance de la Guardia Civil", tan acaído nestas datas. Tamén deron que falar "La casada infiel", "La monja gitana" e os dous referidos a Antoñito el Camborio.
Ademais de referirnos á orixinalidade das imaxes (e máis usando un formato tradicional como é o romance) e ao feito de achegarnos case por primeira vez nesta actividade a un conxunto poético con temática unitaria, falamos da enorme creatividade do autor, tamén debuxante e músico. Por suposto, habendo representación do mundo escénico entre nós, tamén algo se dixo das súas obras teatrais.
É unha verdadeira mágoa que o seu asasinato na Guerra Civil puxese fin á súa traxectoria literaria.
Aproveitamos para botar un ollo a unha edición ilustrada do Romancero Gitano, e tamén a un calendario que recolle debuxos do autor, así como a unha edición dos seus Seis poemas galegos, tan próximos a nós nas referencias: pola mediación de Ernesto Guerra da Cal na súa orixe, e pola historia real que é aludida no "Nocturno do adolescente morto".

En xaneiro comentaremos La verdad sobre el caso Savolta, que poesía non é... pero para falar dá!

21 dic 2018

Recreos Doces!!!

O pasado xoves 13 de decembro Libromanía rematou de ler "Guerra". Realizaron ademáis unha posta en común do libro degustanto unhas lambetadas navideñas!!






9 dic 2018

Historias diversas

O pasado venres 30 de novembro a sección de adultos de Libromanía reunímonos para comentar Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez, e Fóra do normal, de María Reimóndez (que xa lera antes a rapazada).
Os catro relatos que compoñen o libro de A. Méndez leváronos ata os tempos durísimos da inmediata posguerra. O magnífico xeito de narrar deste autor guiounos por ese burato negro da nosa historia, e ao debate de cal das historias nos gustara / impactara máis, sumouse o da posibilidade de mudar algún dos finais... Deu para moito, como podedes ver.
Fóra do normal, cun ton menos tráxico, máis esperanzador con respecto ao futuro do grupo das protagonistas, tamén deu abondo que falar. Era visto, pola temática que aborda pero tamén pola orixinalidade no xeito de abordar certas cuestións que parecen quedar fóra da sociedade actual, e en realidade contribúen a diversificala e humanizala.
É curioso que as dúas obras de lectura desta xeira puxesen a súa ollada sobre personaxes ao marxe do sistema (en diferente medida, xa ora), en dous momentos históricos non tan distantes no tempo...
En xaneiro comentaremos A nena do abrigo de astracán, de Xabier DoCampo e Guerra, de Janne Teller, dándolle certa continuidade ás historias de vida que non acaen ben no sistema.
Vémonos para o ano!