29 abr 2015

Pois foi

Ben, finalmente tivo lugar onte o comentario de Festina lente e dos volumes III, IV e V de Blacksad, por parte da sección de adultos deste club.
A obra de Marcos Calveiro foi valorada moi positivamente, e iso que case todos os lectores e lectoras coincidíamos en admitir a dificultade de seguir un discurso narrativo con tal amplitude de léxico. O interese que xeraba a trama argumental e a magnífica ambientación na época na que se desenvolve, compensaron eses atrancos de vocabulario. A maioría de nós fixemos propósito de darlle unha segunda volta, con máis vagar, para degustala mellor, tal como se merece.
Tamén no caso de Blacksad se tratou, entre outros aspectos, a súa detallada ambientación na América dos anos 50, que lle permite aos autores achegarse a elementos tan propios da cultura norteamericana como a "caza de bruxas", o perigoso mundo que envolve a música en Nova Orleáns ou a xeración "Beat".
As próximas lecturas para o grupo de adultos son La princesa de hielo, de Camila Läckberg, e Unha humilde proposta, de Jonathan Switf. A proposta é comentalas cara finais de maio.


26 abr 2015

Aviso a lectores e lectoras

A reunión para o comentario das lecturas da sección de adultos, prevista para o martes 21, que tivo que ser adiada, será finalmente o martes 28, nas mesmas condicións que estaba prevista.
Nesta imaxe podedes ver ao alumnado do Club de Lectura dándolle duro á composición do puzzle.

10 abr 2015

Abril... libros mil

 Próximas xuntanzas:
O luns 13, no segundo recreo, na sala da ANPA, comentamos Aya de Yopougon.
O martes 14, tamén no segundo recreo, terá lugar unha reunión co grupo de BAC, para ir organizando as distintas actividades que van ter lugar de aquí ao remate do curso: mercado do libro, comentario de Blacksad, celebración do Día do Libro e do Día das Letras (este ano cunha "sonada" sorpresa)...
Por outra parte, a vindeiro encontro para a sección de adultos vai ser o martes 21: nesa data falaremos entre petisco e petisco, como as últimas veces, de Festina lente e dos seguintes volumes de Blacksad.
Queda dito!