17 dic 2015

E nós con estas páxinas...

Vén o Nadal e nós non damos feito... o alumnado está cheo de tarefas e exames, e o profesorado corrixe que te corrixe... houbo que adiar a xuntanza prevista para hoxe para comentar O autobús de Rosa, para xaneiro, que agora temos moito choio amontonado. A ver se desta vai...
Tamén o grupo de maiores tivemos que pospoñer a nosa sesión de comentario, porque non demos atopado o momento de coincidencia. Será á volta, cunha obra engadida, para non perder o ritmo!
Aproveitade para ler á mantenta nestes días non lectivos, moi festeiros e lectores...
Aquí vos quedan os enlaces a algunha das nosas propostas: as últimas novidades da nosa biblio e unha actividade de educación documental sobre o cambio climático.
Ah! e non esquezades botarlle un ollo ao biblioletín deste trimestre, con moitas recomendacións...

2 dic 2015

Sempre lendo

A rapazada deste Club de Lectura decidiu hoxe as próximas lecturas: o libro máis votado foi O autobús de Rosa, de Fabrizio Silei, e logo quedaron a pré Danny, el campeón del mundo, de Roald Dahl e Amor de quince anos, Marilyn, de Agustín Fernández Paz.


Para a vindeira semana temos pendente o comentario de Durmido nos espellos, de Jordi Sierra e Fabra. Esta vez será o mércores no segundo recreo, porque o martes... ;-)

10 nov 2015

O principiño

Tanto a sección xuvenil como a sección de adultos tiveron hoxe reunións de comentario sobre esta breve obra de Saint-Exupéry. No caso dos adultos establecéronse como próximas lecturas La voz dormida, de Dulce Chacón (recomendación de Sés) e Cos peitos desenchufados, de Elías Portela / Knörr. Os máis novos aínda teñen pendente outra xuntanza para falar da obra do piloto francés e para seleccionar a seguinte obra de lectura.

28 oct 2015

E ben, veu!

Hoxe, unha parte do alumnado do Club de Lectura fíxolles unha entrevista a Sés, antes do concerto que ela e Tito Calviño deron no noso salón de actos, e a sección de adultos tivo o pracer de compartir uns momentos de conversa con eles e Iván Sanjurjo, entre bocado e bocado. Aquí vos deixamos unha foto (ollo: temos unha infiltrada moi noviña, pero moi boa lectora eh! e hai un ausente, mágoa que as súas condicións físicas non lle permitisen acompañarnos hoxe)

20 oct 2015

Xa ven, xa ven!

Mentres esperamos impacientes o concerto de Sés e Tito Calviño no noso centro a vindeira semana, o alumnado máis veterano de Libromanía está revisando diversos materiais documentais sobre a cantautora galega, para elaborar un pequeno cuestionario co que a abordarán ese día nalgún momento, antes ou despois de que troncen os valos no escenario do salón de actos.
Vai ser o evento do ano no IES de Quiroga!

Por outra parte, os alumnos e alumnas que participan este ano no Club de Lectura están a ler, como primeira lectura O principiño, aproveitando que era a primeira proposta para a sección de adultos, e admite múltiples lecturas e relecturas. Ademais, cada quen elixe a lingua na que quere lelo, pois hai traducións desta obra en varias linguas (polo de agora temos lectores/as en castelán, galego, en francés e en portugués). Aquí vos queda o enlace para a versión francesa orixinal.

7 oct 2015

Imos indo

Onte a sección de adultos de Libromanía realizou o comentario das lecturas pendentes: Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño, e O solpor da cupletista, de Mª Xosé Queizán. Calquera das dúas obras deu moito de si para falarmos, e iso que a do escritor arxentino houbo a quen se lle fixo moi densa -e moi longaaaa-: non en van polas súas páxinas entrecrúzanse os camiños dun bo número de personaxes, moitos deles auténticos referentes literarios. A noveliña da autora galega permitiunos abordar a temática da situación das mulleres noutras épocas, ademais de achegarnos, cunha perspectiva menos prexuizosa, á figura de Carolina Otero.  
Dentro das preferencias de cada lector/a participante, pódese dicir que foron dúas "grandes lecturas".

Propúxose como seguinte lectura O principiño, de Saint-Exupéry, aproveitando que a súa brevidade e o feito de coñecérmolo xa tod@s favorece a introdución do primeiro clásico nas lecturas deste club. Era un tema pendente que sempre se ía adiando, como a nosa antoloxía poética de cabeceira (feita cos poemas seleccionados por cada un/unha de nós): semella que ao fin as dúas propostas se concretan.
Con respecto á rapazada, con quen houbo unha reunión de presentación onte, decidiuse pospoñer a elección das lecturas ata a vindeira semana, nas xuntanza específica.

2 oct 2015

Xa se moven as follas...


As das árbores, e tamén ás dos libros: temos as primeiras xuntanzas deste curso o martes 6. Pola mañá, no segundo recreo será a do alumnado e na hora do xantar, a da sección de adultos.
A reunión cos rapaces/as será a de presentación. Animádevos a vir tod@s!
A sección de adultos xúntase para realizar o comentario das obras propostas para o verán (Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño e O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán) e decidir cales serán as seguintes en ser devoradas...

28 jul 2015

... e os domingos, un croissant

Baixo este lema, correspondente co título da obra que comentabamos na sección de adultos deste club de lectura, onte fixemos unha nova xuntanza.
Ademais de comentar a obra de lectura en concreto, fixemos un breve percorrido pola obra de Úrsula Heinze e puxemos en común os nosos coñecementos sobre o Xinkgo ("árbore da vida"): non en van as follas deste fósil vivinte exemplo de resiliencia ilustran a portada e outros espazos deste libro.

7 jul 2015

O ano do poeta da chaira... e dos vales...

O sábado 4 de xullo a RAG acordou que o Día das Letras no 2016 sexa para Manuel María, poeta de enorme traxectoria literaria e importante compromiso coa lingua.
Este poeta chairego, nado en Outeiro de Rei en 1929, publicou obras tan representativas como Muiñeiro de Brétemas, Terra Cha, Versos para un país de minifundios, Aldraxe contra a xistra, A lus resuscitada, As lúcidas lúas do outono ou Sonetos á casa de Hortas. O seu amor pola terra e pola lingua galega fíxolle ollar a paisaxe e as xentes de moi distintas comarcas, como testemuñan os seus Sonetos ao Val de Quiroga, lugar ao que estaba vencellado por ascendencia materna.
O ano pasado, neste club de lectura achegámonos á súa obra, que dalgún xeito foi o eixo temático da saída que fixemos en maio do 2014: en Lugo, fomos á emisora Radio Ser para participar no programa "O son da nosa fala", lendo poemas seus (algúns do devandito poemario Sonetos ao Val de Quiroga), fixemos outro par de actividades na cidade, e rematamos o percorrido da xornada visitando a Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei.
Manuel María á beira do río Miño na Santa Isabel (Outeiro de Rei)




22 jun 2015

E chegou o remate de curso

Este ano pillounos por sorpresa, non houbo tempo de facer algunhas actividades previstas, coma a saída/excursión final nin a selección de adquisicións para o vindeiro curso; quedan pospostas ata setembro.
O grupo de adultos, ao que todo o que le lles sabe a pouco, acordou engadir outra lectura á proposta que xa había para o verán (Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño): ... e os domingos, un croissant, de Úrsula Heinze.


4 jun 2015

O curso vaise acabando...

O tempo váisenos e non damos feito. Non por falta de ideas eh!
Os membros máis novos deste Club de Lectura andan a todo dar cos exames: se maio non deu para moitas xuntanzas, xuño xa nin vos conto... Os maiores, que sempre imos estamos cheo de traballo, tamén andamos adiando reunións comentario e os máis puntuais nas lecturas tírannos das orellas...
Pois ben, no que se refire á sección de adultos, o vindeiro martes día 9, botaremos un conto sobre La princesa de hielo, de Camila Läckberg (hai quen o leu ata en versión comiqueira) e Unha humilde proposta, de Jonathan Switf.

Isto foi o que fixemos dende que non demos sinais de vida...
Como moit@s de vós saberedes, este ano houbo unha nova edición do
Mercado do Libro de Segunda Man, quizais menos exitoso que noutras convocatorias, porque como ben dicides, cada vez nos custa máis desprendernos dos libros que temos...

Mercado do Libro de Segunda Man
Ademais, Libromanía colaborou coas actividades que a biblioteca do centro activou dende abril para conmemorar conxuntamente, nun contínuum, o Día do Libro e o Día das Letras (Abril de libros... maio de letras!): exposición "Libros para ver", árbores con propostas lectoras, lecturas compartidas en distintas linguas... de todo isto tedes novas no blog da biblioteca (ver enlace da barra lateral).

29 abr 2015

Pois foi

Ben, finalmente tivo lugar onte o comentario de Festina lente e dos volumes III, IV e V de Blacksad, por parte da sección de adultos deste club.
A obra de Marcos Calveiro foi valorada moi positivamente, e iso que case todos os lectores e lectoras coincidíamos en admitir a dificultade de seguir un discurso narrativo con tal amplitude de léxico. O interese que xeraba a trama argumental e a magnífica ambientación na época na que se desenvolve, compensaron eses atrancos de vocabulario. A maioría de nós fixemos propósito de darlle unha segunda volta, con máis vagar, para degustala mellor, tal como se merece.
Tamén no caso de Blacksad se tratou, entre outros aspectos, a súa detallada ambientación na América dos anos 50, que lle permite aos autores achegarse a elementos tan propios da cultura norteamericana como a "caza de bruxas", o perigoso mundo que envolve a música en Nova Orleáns ou a xeración "Beat".
As próximas lecturas para o grupo de adultos son La princesa de hielo, de Camila Läckberg, e Unha humilde proposta, de Jonathan Switf. A proposta é comentalas cara finais de maio.


26 abr 2015

Aviso a lectores e lectoras

A reunión para o comentario das lecturas da sección de adultos, prevista para o martes 21, que tivo que ser adiada, será finalmente o martes 28, nas mesmas condicións que estaba prevista.
Nesta imaxe podedes ver ao alumnado do Club de Lectura dándolle duro á composición do puzzle.

10 abr 2015

Abril... libros mil

 Próximas xuntanzas:
O luns 13, no segundo recreo, na sala da ANPA, comentamos Aya de Yopougon.
O martes 14, tamén no segundo recreo, terá lugar unha reunión co grupo de BAC, para ir organizando as distintas actividades que van ter lugar de aquí ao remate do curso: mercado do libro, comentario de Blacksad, celebración do Día do Libro e do Día das Letras (este ano cunha "sonada" sorpresa)...
Por outra parte, a vindeiro encontro para a sección de adultos vai ser o martes 21: nesa data falaremos entre petisco e petisco, como as últimas veces, de Festina lente e dos seguintes volumes de Blacksad.
Queda dito!

18 mar 2015

Seguimos con libros entre as mans

Aínda que non damos sinais de vida na web con toda a periodicidade que sería desexable, seguimos lendo e falando de libros: por unha parte, os máis novos teñen entre mans Aya de Yopougon (ESO) e Blacksad (BAC), e os seniors aínda tivemos onte a reunión para comentar Un viaje de 10 metros e Blacksad (I e II). Calquera deles deu moito que falar... grazas que palabras non nos faltan :-).
A nosa seguinte lectura é Festina lente, de Marcos Calveiro.

A rapazada, por certo, segue dándolle con ánimo ao puzzle de libros, aínda que agora andan cos recreos moi ocupados con exames, traballos e tarefas para nota... é que hai cada profesor escravizador... :-)

20 feb 2015

De Ignatius e outros especimes literarios

Onte tivemos a xuntanza para comentar A conxura dos necios, que tivera que ser aprazada en dúas ocasións por distintos motivos, pero vingámonos cun xantar-comentario.


















Ollo: a seguinte data de reunión para a sección de adultos é o 17 de marzo, na que falaremos de Blacksad e de Un viaje de 10 metros. Xa sabedes: estades todos/as convidados.
Para a rapazada: o vindeiro luns no segundo recreo haberá unha xuntanza xeral, para ir preparando distintas actividades ata maio. Non faltedes!

26 ene 2015

Un puzzle de libros!

Ola, lectores/lectoras: recordade que dende a semana pasada estamos traballando a reo no noso puzzle de libros, que está á vosa disposición no local da ANPA.
Agora si que da gusto falar de lecturas, entre peza e peza!

8 ene 2015

Dous nun

Hoxe, a sección de adultos comentou os libros A ciencia no punto de mira, de Jorge Mira e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño. Calquera deles deu que falar... como tiña que ser!
A seguinte lectura dos máis veteranos do club, como xa se anticipou, é A conxura dos necios, que está previsto debullar nunha xuntanza presencial na primeira semana de febreiro. Veña que logo vai!