21 dic 2016

O último do 2016 en Libromanía

Hoxe celebrouse a xuntanza para comentar Pulsaciones (J. Ruescas e F. Miralles), o libro que estivemos lendo estes días, aínda que o lío de exames fixo que non todo/as chegasen ao final da historia... Para compensar tanto esforzo, ademais das xa típicas larpeiradas, tomamos un té chai, como a protagonista do libro, nun momento que serve de inflexión no desenvolvemento da historia.
Aproveitamos tamén para falar dalgunhas das referencias literarias e cinematográficas que se fan ao longo do libro, unhas máis coñecidas ca outras.
No Nadal leremos Poderosa, de Sergio Klein.











A sección de adultos reuniuse o 30 de novembro para facer o comentario de Las sinsombrero, que tivera que ser adiado, e o día 13 houbo a xuntanza correspondente á delicada historia que Philippe Claudel narra A neta do señor Linh. As seguintes lecturas son Izan o da saca, de Xabier Quiroga, e Frida Kahlo. Una biografía, de María Hesse.

25 nov 2016

O mundo chámase Outeiro!

Pois si, o martes 22 de novembro fixemos a nosa primeira saída deste ano. Neste caso viaxamos ata Outeiro de Rei, para visitar a Casa-Museo Manuel María, e despois fomos ata as instalacións de Vida de Aldea, onde xantamos e aprendemos un montón de cousas sobre as posibilidades alternativas do mundo rural e a importancia da posta en valor das paisaxes. Despois de facer un pequeno percorrido a pé, rendémoslle unha homenaxe a Agustín Fernández Paz lendo fragmentos de distintas obras súas (cadaquén escolleu a súa para poñer en común). Hum... que bo sabor de boca nos quedou desta xornada, ;-)
















Podedes ver máis imaxes desta saída no facebook do centro e na reportaxe fotográfica da páxina web.

24 oct 2016

Preparando o gran día

Mañá estarán no noso centro Mini e Mero, e o alumnado do Club de Lectura de mozos e mozas anticipou a súa reunión desta semana, xa que mañá non ía dar tempo a facela; o que non puidemos foi comentar o libro que estamos lendo, Aya, como estaba previsto facer, xa que o tempo da xuntanza de hoxe adicámolo a preparar as preguntas que lles faremos mañá....


5 oct 2016

Primeiras xuntanzas deste curso

Na reunión de presentación que tivo lugar onte, acordouse:
- que este ano as reunións van ser os martes no segundo recreo, en audiovisuais
- que a primeira obra de lectura para todo o alumnado é Aya de Yopougon 
- que o vindeiro martes 11 imos facer algunha actividade de escritura creativa
- que a primeira xuntanza para comentar a lectura será o 18 de outubro
- que compartiremos algún chuche nestas ocasións 
- que queremos ter dúas saídas este ano!!!!
... seguiremos informando.

1 oct 2016

Outono de libros, sempre!

Lectores e lectoras: volvemos a poñernos en actividade, despois do descansiño do verán.
Estes últimos días varias mozas deste club de lectura preguntástesme cando ía empezar de novo: é un pracer ver que estades xa deseando que comecen as xuntanzas!!!
Pois ben, este martes 4, no segundo recreo, en principio na aula de audiovisuais, haberá unha reunión de presentación. Estades todas e todos convidados... ;-)
A sección de adultos, que este ano non desconectou nin durante o verán, ten prevista unha reunión de comentario das obras pendentes na segunda semana de outubro, xa que non hai coincidencia posible para a maioría antes desa data. 

24 jul 2016

2016, todo Manuel María

O pasado xoves 21 tivo lugar a xuntanza da sección de adultos deste Club de Lectura para comentar os Sonetos ao Val de Quiroga que tivera que ser adiada en maio. Aproveitamos a presenza de Xosé Estévez e a súa muller, Maribel Goñi, en terras quiroguesas para convidalos a acompañarnos nesa viaxe literaria, da que eles foron testemuñas no seu día.
Así, descubrimos a historia da edición deste poemario, dende a súa versión inicial de 1986 de vinte sonetos, ata a que foi definitiva, publicada en 1988 polo Concello de Quiroga e reeditada neste 2016.
Aquí deixamos unha imaxe onde están todas as "versións" desta obra, co interese engadido de que dúas delas son as feitas polo propio Manuel María, enviadas a Xosé Estévez por correo a Euskadi.

O verán, ás veces, ofrece oportunidades tan boas coma esta para parolar sobre libros, historia da literatura e da cultura galega, e, sobretodo, de amizade.
En setembro falaremos de Las sinsombrero, de Tania Ballo e A boca do monte, de Celia Díaz, as nosas seguintes lecturas, e tamén de todas as que fagamos no verán...
Boas lecturas!

9 jun 2016

E aos versos do Manuel!

Xa sei, xa sei.. deixei a medias a reportaxe da viaxe do día 31 de maio, pero nestas datas hai moi pouco tempo libre, como ben sabedes.
Despois do roteiro, na saída a Monforte, pasamos pola librería Agrasar para compartir un anaquiño de conversa con membros do Club de Lectura la Librélula, que fai alí as súas xuntanzas e actividades. Seguro que non tedes nin idea de que falamos alí...

Pero a xornada non acabou aí, despois xantamos tod@s xunt@s e dirxímonos ao Barco de Valdeorras para ver a laboura que fixeron alí os EDNL de varios centros, en colaboración coa Asociación de Comerciantes, decorando rúas e escaparates con versos xa vos imaxinades de quen...

Aquí podedes ver ás nosas estrelas  ;-)


31 may 2016

Todos os camiños levan a Manuel!

Por se alguén non identificou algunha das fotos previas, e non acudiu hoxe á saída do Club de Lectura deste ano: fomos a Monforte e ao Barco de Valdeorras.
Na localidade na que viviron case corenta anos Manuel María e Saleta, realizamos un roteiro seguindo as súas pegadas, aproveitando as referencias presentes no Cancioneiro de Monforte de Lemos (1991) e outras que tiñan que ver coa súa presenza habitual en determinados espazos da vila (antigo Concello -hoxe Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra-, antiga librería Xistral, algunha vivenda...). Este percorrido, sinxelo pero moi completo, debémosllo a Xosé Martínez, traballador do Concello de Monforte que foi guiando os nosos pasos e envolvendo de maxia literaria cada unha das etapas. Non só estivo presente "o Manuel": tamén Lois Pereiro, outro gran poeta vencellado a esta vila, Castelao e Manuel Antonio (que estiveron alí nunha asemblea das Irmandades da Fala en 1922); "o Ledo", poeta popular; por suposto, Inés de Castro e a súa tráxica historia...
Achegádevos a Monforte dende a ollada de Manuel María, facendo esta visita. 
Aquí queda a foto de grupo noutro espazo de referencia: onda a escultura do autor de Terra Chá.
Moitas grazas por todo, Xosé
Houbo algunha actividade máis hoxe, como ben sabedes, pero iso fica para outro día...


27 may 2016

Isto vaise acabando... e chega o mellor

O mes de maio non corre, voa... e con el vaise o curso e tamén a actividade do Club de Lectura; pero aínda temos pendente unha das actividades estrela: a saída de final de curso!
Este ano, ademais, compartiremos a viaxe cos colaboradores/as do EDNL, que traballaron a reo e ben merecen un detalliño ;-)
Por outra parte, somos dous conxuntos de activistas que temos en común moitos membros...
Visitaremos dúas localidades galegas que teñen un río que as atravesa, e un deles tamén percorre terra quiroguesas... a ver se adiviñades...

24 may 2016

Sempre igual

A ver rapazada: quedamos mañá no segundo recreo, no sitio de sempre, xa que hoxe algúns/as de vós tiñades un exame que coincidía coa hora da xuntanza. Estas datas é o que teñen... uns días porque había ensaio para o Festival das Letras, outros que andabamos liados co Mercado do Libro... non hai xeito de coincidir ;-)
Por certo, como dous dos gañadores do Pasapalabra son membros do Club de Lectura, aquí deixamos a foto dos participantes, noraboa a todos, que o fixestes moi ben!!!!
E por suposto, grazas ao alumnado colaborador de EDNL, que elixiu os termos e elaborou as definicións, entre outras tarefas; tamén a Sabela García, por todo o traballo de organización do evento, e a Pablo Varela e o seu alumnado de Tecnoloxía, que deixaron para a posteridade este taboleiro coa ruleta de letras tan xeitoso que vedes na imaxe...

16 may 2016

... e maio aínda máis!

Este mes está sendo esgotador... non hai tempo nin para unha entradiña no blog...
Ata finais da semana podedes aproveitar o Mercado do Libro de segunda man, que, como sabedes está no "recuncho Castelao"; non deixedes de botarlle un ollo aos materiais que aparecerán alí, á vosa disposición ao mini prezo dun euro, entre os días 18 e 19... levarédesvos algunha sorpresa.

Sinto ter que comunicarvos que Xosé Estévez, finalmente non vai estar nestas datas en Quiroga, polo que haberá que adiar a xuntanza que tiñamos prevista facer con el para comentar os Sonetos ao Val de Quiroga (sección adultos/as) e a segunda parte da charla sobre Manuel María e Quiroga, que ía destinada en exclusiva ao alumnado do Club de Lectura e aos membros do EDNL. 
Xosé ten esta semana unha axenda moi intensa en Euskal Herria, falando do seu amigo Manuel María e a relación que mantivo con ese territorio peninsular. Deixovos aquí uns enlaces para que vexades que o Día das Letras se conmemora en moitos espazos xeográficos, non só en Galicia.
PD: xa vistes as fotos do roteiro do día 5 de maio, que están colgadas no facebook? Non volas perdades!!! Aquí deixamos outra desa serie, para que se vexa ben canto traballastes nesa andaina... ata cando estabades en repouso!


25 abr 2016

Abril é moito!

Aínda que non nos facemos ver na rede, andamos a cen nestas datas. Non damos feito!
A rapazada está participando en actividades do ciclo "Abril de libros, maio de letras" (sobre a figura de Castelao, que dende a pasada semana ten presenza física neste centro, moi preto da biblioteca, por certo; o Mercado do Libro, que está a punto de comezar unha nova edición; lecturas presenciais de relatos breves escollidos; Quinielas lectoras -xa vos contaremos, xa- e outras propostas de lecer).
A sección de adultos celebrou o mércores 13 de abril unha xuntanza para comentar Wilt e a segunda parte de Os camiños da terra, de Otero Pedrayo, que require o seu tempo de lectura. Aínda que había un bo número de propostas para ler a continuación, ao final decidímonos por un clásico de actualidade, moi relacionado co espazo xeográfico quirogués, os Sonetos ao Val de Quiroga (xa sei xa, que non vos custou adiviñalo) de Manuel María; a idea é comentalo a terceira semana de maio, e conmemorar así, ademais, o Día das Letras, aproveitando que estará Xosé Estévez de novo por aquí.
Con respecto a esa obra, podedes acceder na rede aos audios correspondentes á lectura dos poemas que a integran, na voz do alumnado, do profesorado e do persoal non docente do noso IES. Foi un pracer colaborar para darlle voz ás fermosas composicións de Manuel María. Algunhas delas xa se escoitaron nos propios espazos aos que fan referencia, durante o Roteiro Manuel María e os Sonetos ao Val de Quiroga, organizado polo CAFI, que tivo lugar o 9 de abril.
A primeiros de maio, unha boa parte do noso alumnado participará na mesma experiencia, percorrendo as paisaxes ás que alude o poeta chairego durante unha andaina.
Tamén en relación con esta obriña -leit motiv deste curso, como vedes - estivo con nós Xosé Estévez, veciño de Quiroga residente en Euskadi, amigo persoal de Manuel María, e prologuista dese poemario, que nos falou do autor ao que este ano se lle adican as letras, e que el coñeceu tan ben.
A súa charla, aberta á comunidade educativa, deu pé para saber moitas cousas da historia da localidade e mesmo de familiares e persoas coñecidas dos asistentes. Aínda máis: deunos a oportunidade de coñecer un soneto inédito, escrito polo autor chairego trala morte de Pin Teixelo, o pintor que ilustrou a primeira edición dos Sonetos...




2 abr 2016

Sonetos, sonetos...

Acordádevos que o luns 4 comezamos coas gravacións dos Sonetos ao Val de Quiroga, de Manuel María. No primeiro recreo terá lugar unha minixuntanza de organización: distribución dos textos a aqueles/as que aínda non o teñan seleccionado e planificación de horarios para gravar (recreos desta semana).
Por outra parte, tamén teremos o mércores no segundo recreo unha xuntanza para ler en grupo o relato de Amor dos quince anos, Marilyn titulado "Malos tempos para fantasmas" e decidiremos cal é a nosa seguinte lectura presencial, que esta vez vai vir da man de Castelao...
Tamén temos pendente outra sesión de comentario de Danny, campeón del mundo (como acordamos na que houbo o martes 29), ide pensando cando tedes un oco...

2 mar 2016

Imos lendo

Onte tiveron lugar dúas novas xuntanzas de lectores e lectoras: a primeira delas foi a da rapazada, coma sempre, no segundo recreo. Aínda que estaba previsto rematar o comentario dos dous libros que están lendo (Amor dos quince... e Danny, el campeón...), non se deu o caso: andan os exames moi enriba e con ese lobo tras das orellas hai menos tempo para as nosas lecturas... Iso si, botamos un conto sobre outras cousas que leron -lecturas obrigadas dalgunhas materias, como El curioso incidente del perro a medianoche- e pospuxemos a seguinte xuntanza ata a volta de Semana Santa.
A sección de adultos fixo, desta vez foi, o comentario de Fahrenheit 451 (e tamén das Crónicas marcianas, do mesmo autor, por parte de quen as tiña lido nalgún momento) e da primeira parte de Os camiños da vida (Os señores da terra). Otero Pedrayo está resultando algo denso para a maioría de nós, polo que se decidiu compatibilizar a segunda parte desa obra con Wilt, de Tom Sharpe...
Non se fixou data concreta, pero é previsible que sexa a primeiros de abril.










Por outra parte, xurdiron dúas propostas neste xantar-comentario: facer un recital poético-musical cos textos incluidos na antoloxía poética que se está facendo, e ler Sonetos ao Val de Quiroga en próximas datas. Xa sabía eu que a poesía ía enganchar... ;-)

15 feb 2016

Avisos lectores

A sesión de comentario da sección de adultos prevista para mañá, tivo que ser adiada, en principio queda posposta para o día 1 de marzo, na que tamén haberá outra xuntanza da rapazada.
Neste caso, aínda que non é o habitual, non engadiremos ningunha obra a maiores para o comentario, Os camiños da vida de Otero Pedrayo está dando moito de si...
O pasado venres, no auditorio municipal de Quiroga tivo lugar a presentación da reedición dos Sonetos ao Val de Quiroga de Manuel María, na que parte do alumnado do centro participou cos seus debuxos. Só falta poñerlles voz.
Animádesvos a participar recitándoos?
Xa temos algunhas voluntarias, dúas delas con experiencia, porque xa os fixeran seus cando foramos ao programa de Radio Lugo "O Son da Nosa Fala" no 2014.
Lembrade que só os primeiros/as poden elixir o soneto... ;-)

3 feb 2016

"Eu son... Balbino

Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén"
Así comezou a nosa pequena homenaxe a Xosé Neira Vilas. O primeiro capítulo do seu clásico contemporáneo Memorias dun neno labrego reviviu nas voces dos nosos lectores e lectoras. Foi unha sesión máxica de lectura compartida.
Moitas grazas a tod@s por participar!


28 ene 2016

A gusto de tod@s

Como houbo tanta igualdade antes de Nadal en canto á seguinte proposta de lectura, @s xuvenís andan escindidos lendo, nuns casos, Amor dos quince anos, Marilyn, noutros Danny, el campeón del mundo, e, aínda hai que os simultanea -ademais da coordinadora, por suposto!
O pasado martes tivemos a primeira reunión para comentar estas lecturas, e resultou moi interesante ver como cadaquén falaba do que lía e atendía tamén á lectura dos outros.

Pola demanda dun par de participantes, o vindeiro día 2 haberá outra sesión do club de lectura, neste caso para ler en común algo de Xosé Neira Vilas. É un pracer atopar estas iniciativas, rapazada!

15 ene 2016

Todo é falar

... e falar de libros!
No que se refire á sesión de comentario de El autobús de Rosa, foi todo un éxito; nesta ocasión non faltou ninguén, e ademais de opinar sobre este libriño de Barbara Fiore Editora, aproveitamos para coñecer a figura de Rosa Parks e a súa loita polos dereitos civís da comunidade afroameriacana nos EEUU. Tamén se achegaron outras obras que falan da autora o fan referencia á súa figura que están á disposición dos usuarios e usuarias da biblioteca do IES de Quiroga (podédelas ver nas imaxes).
O martes 26 haberá a xuntanza para comentar Amor dos quince anos, Marilyn e Danny, el campeón del mundo, respectivamente.


Na xuntanza da sección de adultos do día 12 non deu tempo a abordar as tres obras previstas -La voz dormida, Cos peitos desenchufados e Fahrenheit 451-; a primeira delas deu moito xogo para falar de distintos aspectos, tanto literarios como históricos; a segunda resultou un tanto polémica, e, aínda que tod@s @s lector@s coincidíamos en atopar poemas do noso gusto, como conxunto había quen non estaba moi satisfeito/a (sobre todo @s máis reticentes a ler poesía, todo hai que dicilo...). Da obra de Bradbury case non deu tempo a dicir nada, e iso que prometía a cousa...
Decidiuse retomar o comentario desta obra na próxima xuntanza, fixada para o 16 de febreiro, na que se falará tamén de Os camiños da vida, de Otero Pedrayo, que é a seguinte proposta.
Recórdase aos habituais desta sección, que aínda hai quen non enviou os poemas / textos poéticos que selecciona para a antoloxía poética que se está elaborando (xa queda menos, Elías Knörr resolveu a elección de vari@s!)

10 ene 2016

Agora si, El autobús de Rosa

Lectores e lectoras do club de lectura: o martes 12 temos a seguinte reunión de comentario de obras.
O alumnado, El autobús de Rosa, no segundo recreo; os adultos/as temos un menú moi nutritivo:
- os dous que tiñamos previsto comentar antes de Nadal: La voz dormida, de Dulce Chacón (recomendación que nos deixara Sés na súa visita) e Cos peitos desenchufados, de Elías Portela/Knörr
- o que se engadiu para este tempo de lecer, a petición dunha das participantes: Fahrenheit 451, de Ray Bradbury.