Por se alguén non identificou algunha das fotos previas, e non acudiu hoxe á saída do Club de Lectura deste ano: fomos a Monforte e ao Barco de Valdeorras.
Na localidade na que viviron case corenta anos Manuel María e Saleta, realizamos un roteiro seguindo as súas pegadas, aproveitando as referencias presentes no Cancioneiro de Monforte de Lemos (1991) e outras que tiñan que ver coa súa presenza habitual en determinados espazos da vila (antigo Concello -hoxe Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra-, antiga librería Xistral, algunha vivenda...). Este percorrido, sinxelo pero moi completo, debémosllo a Xosé Martínez, traballador do Concello de Monforte que foi guiando os nosos pasos e envolvendo de maxia literaria cada unha das etapas. Non só estivo presente "o Manuel": tamén Lois Pereiro, outro gran poeta vencellado a esta vila, Castelao e Manuel Antonio (que estiveron alí nunha asemblea das Irmandades da Fala en 1922); "o Ledo", poeta popular; por suposto, Inés de Castro e a súa tráxica historia...
Achegádevos a Monforte dende a ollada de Manuel María, facendo esta visita.
Aquí queda a foto de grupo noutro espazo de referencia: onda a escultura do autor de Terra Chá.Moitas grazas por todo, Xosé |