30 may 2021

Club de lectura (sección adultos)

 
    Neste ano de pandemia a sección de adultos do club de lectura non se puido reunir presencialmente. É por iso que o xeito de compartir as lecturas vai ser online. O xeito de poñer en común os nosos pareceres vai ser o seguinte: eu, como responsable, vou facer unha crítica feroz e inmisericorde dos dous libros que estamos a ler de xeito que vós poidades nos comentarios levarme a contraria ou darme a razón ou aportar calquera cousa que vos pareza ben. (Espero incitarvos a poñer algo)
 
9788491515593 
Illa decepción                  Berta Dávila
 
Crítica feroz:  A vida da autora é o suficientemente anódina para que non nos interesen as súas ideas debilmente conectadas.
 
Crítica normal: 
Este é un deses libros ós que se lle pode chamar novela porque debaixo do título pon novela, (bueno, en realidade, creo que non pon nada, pero pensemos que intenta ser unha novela), se non poderíamos pensar que estamos ante un ensaio donde a autora expón as súas ideas nas que hai algúns puntos de conexión pero que aparentemente escribe segundo van xurdindo no seu cerebro.
Na parte positiva dicir que é un libro que se deixa ler. O estilo, aparentemente solto, inda que cun traballo detrás, é fluído e a lectura discorre fácil, inda que persoalmente lle poñería algún conector ou subordinada máis. 
   Non sei se a autora é a mesma que a narradora. Se non o é, é un punto positivo a construcción do personaxe. Crinmo totalmente. Todo o tempo estiven pensando que falaba a autora. Na parte negativa, que non é un personaxe interesante co que logres identificarte e isto é pésimo cando falamos dunha novela. No libro hai máis ideas e opinións persoais que historia, e como a vida e a personalidade da narradora non me resulta interesante o libro tampouco. A miña impresión e que no libro falta historia. De feito, os poucos momentos en que a narradora conta algo olvidándose dela mesma (as tatuaxes, as fotos) son os mellores e os que dan algo de conexión e forza á novela. Tamén é un bo punto, neste mesmo sentido, a estructura de capítulos repetidos.
Conclusión. Non me custou lelo pero tamén mo puiden aforrar. 
 
  
 
Cobiza               María Reimóndez
 
Crítica feroz:  Unha boa idea e unha boa estrutura en busca dunha autora que saiba escribir mellor
 
Crítica normal:
Teño que aclarar que a parte que desfrutei do libro é porque son fan da ciencia ficción e encántanme as distopías, discronías e demais universos alternativos, pero, por iso mesmo, a decepción que levei foi maior.
A decepción provén de que a autora opta por facer un panfleto no canto de contar unha historia (ó mellor non é que opte senón que non sabe facelo doutro xeito). Non é tanto que non haxa historia, que a hai, senón que esta está subordinada a un ideario e resulta que, un lector con criterio coma min, cando o/a autor/a lle suxire tan evidentemente a liña moral que debe soster, normalmente revírase porque quere tirar as súas propias conclusións da historia que lle poñen diante. Para explicarme, eu non preciso que me digan que debo indignarme porque fan dano a un neno pequeno e iso é malo, quero que me conten o que lle fan a ese neno e xa chegarei eu á conclusión de que debo indignarme.
Supoño que alguén que asuma tódolos tópicos da corrección política do 2021 e vexa as súas ideas reflectidas no libro e, deste xeito, reforzadas, pensará que estamos case diante dunha obra mestra. Pero a mín fáltanme escenas ben descritas e personaxes individualizados. (Practicamente tódolos personaxes pensan igual excepto Augustus Paul, que tampouco sabemos se pensa. Pensei nun motivo que explica isto -o universal feminino-, pero, inda así, non é excusa para que non haxa un mellor desenvolvemento dos caracteres)
Pareceme que da estrutura da obra, que por veces vai creando unha certa tensión na intriga ó ir desenvolvendo o que non se sabe dende unha perspectiva multifocal, podería terse sacado un maior aproveitamento pero é, indubidablemente, un acerto. Como tamén serían un acerto as alusións a cousas do mundo actual se non fose pola tendencia a caer en certos tópicos actuais sen unha observación máis profunda sobre eles.
Unha cousa sobre o título. Polo título, "cobiza", un pensaría que se intenta facer unha reflexión sobre algunha condición inevitable humana. Pero, se esta era a intención da autora, resulta moi diluida; non é que non estea, pero o libro parece facer fincapé noutras cousas.
Conclusión. Gustoume lelo, pero quedo coa sensación de que coa idea orixinal do libro puido facerse algo moito mellor. E unha petición a tódolos autores presentes e futuros: Déixennos sacar as nosas propias conclusións. Se queren inducirnos a pensar algo, sexan sutís.

28 may 2021

Reunión de maio do Club de Lectura


Este mércores, 26 de maio, o Club de Lectura volveuse reunir. Esta xuntanza, seguramente a penúltima do ano (ou a última presencial se os exames nos pillan apurados) tivo unha dobre finalidade.
Por un lado tiñamos que comenta-los libros que se leron nesta terceira avaliación (inda non todos acabaron todos) e acabar de comentar os que se leron na segunda e que algúns inda non remataran, e, pola outra banda, pasarlles ós membros un papel no que poidan facer suxerencias de libros que queren ler no verán. .
Deste modo os membros do club poden suxerir títulos do seu gusto para ler no verán, xa que con tódalas suxerencias poderemos facer unha "maleta de verán" da que tódolos membros poderán levar exemplares para que a actividade do club non se interrumpa durante o verán