23 ene 2017

Xaneiro de libro en libro

Empezamos o ano con moito pulo, na sección do Club de Lectura de Adultos: o mércores 11 tivemos unha xuntanza para comentar Izan o da saca, de Xabier Quiroga e Frida Kahlo. Una biografía, de María Hesse. A novela gañadora na última edición do Premio San Clemente deu moito de si, e xerouse certa polémica con respecto ao personaxe protagonista; había quen dicía que era o prototipo de detective da novela negra, e quen apoiaba xusto o contrario. En calquera caso todos/as tiñamos unha dúbida: consolidarase como protagonista noutras obras e xerará unha saga?
Tamén deu ben que falar a cuestión da ambientación espacial e histórica e o traballo de documentación feito polo autor; ninguén ficou indiferente á historia, pese á súa densidade.
O libriño ilustrado que se achega á vida da pintora mexicana resultou un éxito absoluto: non só conta cunhas magníficas ilustracións (a maiores das imaxes que reproducen os seus cadros), senón que ten un texto delicioso, un xeito de abordar a figura de Frida e o seu periplo vital delicado, asociándoo coa súa produción artística e co contexto histórico... encheunos o ollo aínda máis do que esperábamos!
Siddhartha, de Hermann Hesse e Fundación, de Isaac Asimov son as nosas seguintes lecturas, pero xa hai outras esperando que lles chegue a hora...
A rapazada do Club de Lectura participou o venres 20 nunha saída á Coruña, onde visitaron a exposición BDG70: A revolta do cómic galego (tendo como guía a Manel Cráneo!!!) e a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.