28 oct 2015

E ben, veu!

Hoxe, unha parte do alumnado do Club de Lectura fíxolles unha entrevista a Sés, antes do concerto que ela e Tito Calviño deron no noso salón de actos, e a sección de adultos tivo o pracer de compartir uns momentos de conversa con eles e Iván Sanjurjo, entre bocado e bocado. Aquí vos deixamos unha foto (ollo: temos unha infiltrada moi noviña, pero moi boa lectora eh! e hai un ausente, mágoa que as súas condicións físicas non lle permitisen acompañarnos hoxe)

20 oct 2015

Xa ven, xa ven!

Mentres esperamos impacientes o concerto de Sés e Tito Calviño no noso centro a vindeira semana, o alumnado máis veterano de Libromanía está revisando diversos materiais documentais sobre a cantautora galega, para elaborar un pequeno cuestionario co que a abordarán ese día nalgún momento, antes ou despois de que troncen os valos no escenario do salón de actos.
Vai ser o evento do ano no IES de Quiroga!

Por outra parte, os alumnos e alumnas que participan este ano no Club de Lectura están a ler, como primeira lectura O principiño, aproveitando que era a primeira proposta para a sección de adultos, e admite múltiples lecturas e relecturas. Ademais, cada quen elixe a lingua na que quere lelo, pois hai traducións desta obra en varias linguas (polo de agora temos lectores/as en castelán, galego, en francés e en portugués). Aquí vos queda o enlace para a versión francesa orixinal.

7 oct 2015

Imos indo

Onte a sección de adultos de Libromanía realizou o comentario das lecturas pendentes: Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño, e O solpor da cupletista, de Mª Xosé Queizán. Calquera das dúas obras deu moito de si para falarmos, e iso que a do escritor arxentino houbo a quen se lle fixo moi densa -e moi longaaaa-: non en van polas súas páxinas entrecrúzanse os camiños dun bo número de personaxes, moitos deles auténticos referentes literarios. A noveliña da autora galega permitiunos abordar a temática da situación das mulleres noutras épocas, ademais de achegarnos, cunha perspectiva menos prexuizosa, á figura de Carolina Otero.  
Dentro das preferencias de cada lector/a participante, pódese dicir que foron dúas "grandes lecturas".

Propúxose como seguinte lectura O principiño, de Saint-Exupéry, aproveitando que a súa brevidade e o feito de coñecérmolo xa tod@s favorece a introdución do primeiro clásico nas lecturas deste club. Era un tema pendente que sempre se ía adiando, como a nosa antoloxía poética de cabeceira (feita cos poemas seleccionados por cada un/unha de nós): semella que ao fin as dúas propostas se concretan.
Con respecto á rapazada, con quen houbo unha reunión de presentación onte, decidiuse pospoñer a elección das lecturas ata a vindeira semana, nas xuntanza específica.

2 oct 2015

Xa se moven as follas...


As das árbores, e tamén ás dos libros: temos as primeiras xuntanzas deste curso o martes 6. Pola mañá, no segundo recreo será a do alumnado e na hora do xantar, a da sección de adultos.
A reunión cos rapaces/as será a de presentación. Animádevos a vir tod@s!
A sección de adultos xúntase para realizar o comentario das obras propostas para o verán (Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño e O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán) e decidir cales serán as seguintes en ser devoradas...