17 dic 2013

Nadal de lecturas


Ola, lector@s:

Recordade que estamos lendo, na sección xuvenil, O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, e na de adultos, Maus, de Art Spiegelman. Desta magnífica historia temos exemplares en castelán e en galego (estes grazas ao préstamo da Biblioteca de Redondela, porque están esgotados).

Nos dous grupos teremos a xuntanza para  comentar as obras despois do Nadal, porque agora non nos deu para máis. Disfrutade delas e doutros libros nestas datas, e non esquezades contalo á volta!

11 dic 2013

Páxinas con sabor

Ola de novo lector@s.
O trimestre vai indo e non hai tempo para nada, nen para actualizar esta bitácora, aínda ben que fomos facendo as xuntanzas previstas sen novidade:

O día 13 de novembro, a sección de adultos comentou O único que queda é o amor, e votou as tres mellores historias desta colección de relatos para propoñérllelos aos rapaces/as. Os contos seleccionados foron "Un radiante silencio", "Esta extraña lucidez" e "Loanza de la filatelia". A valoración global da obra foi moi boa, e deu para achegarnos a todo o universo narrativo de Agustín Fernández Paz, cheo de referencias literarias, e á obra de moitos outros autores, como o poetas José Ángel Valente e Wislawa Szymborska. Tamén houbo referencias á obra narrativa de Paul Auster, do quen leramos algo o ano pasado.

O día 15 de novembro os máis novos fixeron un percorrido por A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, aproveitando tamén para botar unha ollada pola súa traxectoria literaria, vendo exemplares de obras súas como Carta de Lisboa, De Profundis, Os compañeiros da orde  de pedra, Trazo de xiz ou a súa última novela gráfica, Ardalén, coa que gañou o Premio Nacional de Cómic.

O día 29 de novembro houbo outra xuntanza no segundo recreo, para distribuir os exemplares de O único que queda é o amor entre a rapazada, na que se aproveitou tamén para facer propostas de actividades lúdicas.

8 nov 2013

Datas próximas xuntanzas

O mércores 13, ás 16:00 na biblioteca, a sección de adultos xúntase para comentar O único que queda é o amor.
O venres 15, no segundo recreo, na aula de audiovisuais, os máis novos comentan A mansión dos Pampín.

11 oct 2013

Volver ás lecturas compartidas

Rapaces e rapazas, compañeir@s lector@s:
O verán rematou, as clases comezaron e o Club de Lectura Libromanía está en activo coas mesmas ganas do ano pasado.
O vindeiro venres 18, no segundo recreo, na aula de audiovisuais, celebraremos a nosa primeira xuntanza para a rapazada. Non faltedes!
A sección de adultos tamén vai ter unha reunión proximamente, estade atentos/as aos correos e a este blogue. Recórdovos que a lectura que imos comentar é O único que queda é o amor. Aínda hai exemplares á vosa disposición na biblioteca escolar.

17 jul 2013

Ao calor do verán, refréscate con este libro

Para todos os nosos lectores e lectoras, dende Libromanía Quiroga propoñémosvos ler nestes meses O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, que vai ser a primeira lectura do curso que vén. Animádevos, é adecuado para a os máis novos e para os veteranos lectores.
Xa falaremos á volta!

29 may 2013

Chegou o día!

Xa sei que estavades desexosos de ir de excursión dende fai semanas: agora chegou o momento. Non esquezades mañá levar o chuvasqueiro, que é maio e imos a Santiago!
Onte "acertouse" o concurso de logo: a gañadora do primeiro premio foi Zeltia Mateo (4º de ESO), aínda que había traballos moi bos como os de Marta Arias (4º da ESO), Dalia Parada (4º da ESO) e Lucía Pinheiro (3º da ESO).  En breve poderedes velos aquí. Noraboa a todas as gañadoras e por suposto, moitas grazas a todos e todas por participar!

14 may 2013

Día das Letras

Lectores e lectoras de Quiroga:
O venres terán lugar distintas actividades pola conmemoración do Día das Letras Galegas, adicadas este ano a Roberto Vidal Bolaño, un mestre da escena.
O vindeiro luns, día 20 haberá outra actividade de lectura, coma sempre no segundo recreo, pero neste caso na biblioteca. Nos faltedes.
Moitísimas grazas a tod@s pola vosa participación nos actos para conmemorar o Día do Libro, tanto no Mercado do Libro coma nos recitais poéticos nas distintas linguas. Deixamos aquí unas imaxes para recordalo.




 

22 abr 2013

Urxe público para asistir a recitais poéticos

Avisos ós lectores e lectoras de Libromanía e amantes dos libros en xeral: esta semana para conmemorar o Día do Libro celébrase o I Mercado do Libro de segunda man e fanse lecturas de poemas e outros textos en distintas linguas na biblioteca, no segundo recreo. Non esquezades vir. O programa é o que segue:
O luns día 22, poemas en francés, coa súa correspondente tradución ó galego.
O martes día 23, Día do Libro, poemas en galego.
O mércores día 24, poemas en castelán.
O xoves día 25, textos en inglés, con tradución ó galego.
O venres día 26, poemas en latín, portugués, catalán, italiano, rumano, lituano e alemán, todos coa súa correspondente tradución ó galego.

As últimas xuntanzas para comentar libros, foron para os rapaces, La cruzada de los niños, e para os adultos, Sunset Park. En breve colgaremos aquí algunha imaxe.



1 abr 2013

Veña que vai!

Avisos varios: o vindeiro luns, no segundo recreo comentaremos La cruzada de los niños; tamén este mes terá lugar o Mercado do libro de segunda man e unha sesión presencial nalgunha lingua estranxeira: estade atentos ás novas que vos iremos dando.
Velaquí tedes o noso expositor coas últimas adquisicións... hum... da gusto velas!

15 feb 2013

Seguimos en marcha

Xa están viaxando de man en man os exemplares da seguinte lectura para os rapaces, un libriño curto cheo de sentimento e imaxes: La cruzada de los niños, na magnífica edición na que Carme Solé ilustra o texto de Bertolt Brecht.
Por outra parte, onte houbo unha xuntanza dos adultos para falar de El enredo de la bolsa y la vida, de Eduardo Mendoza, obra coa que en xeral, botamos unhas risas. Deixo aquí as palabras dunha das participantes referidas ó anónimo protagonista: "É unha pena que este personaxe non teña nome para recordalo."
A próxima obra para os adultos é Sunset Park, de Paul Auster.



31 ene 2013

Celebración do Día da Paz

Onte houbo varias actividades para conmemorar o Día da Paz e promover actitudes e comportamentos non violentos, unha delas, un recital poético no que se deu lectura a composicións que falaban de abusos, violencia, guerras, intolerancia e actitudes pouco solidarias que todos debemos evitar, estivo organizada este Club de Lectura e contou coa presenza activa do alumnado de bacharelato e 4º da ESO.
Tamén houbo lugar para a esperanza con carteis realizados polo alumnado de distintos niveis, promovendo a súa realización dende distintos departamentos.
Moitas grazas a todos e todas pola vosa colaboración e participación.
En breve, poderedes ver aquí as fotos.

15 ene 2013

Nas profundidades...

Na última xuntanza baixamos ás profundidades do mar coa obra de Miguelanxo Prado, que nos deixou bastante impresionados, polas imaxes e polo argumento, fantástico e tráxico, pero cheo de beleza.


Ademais de comentar De Profundis, verdadeira xoia gráfica que encheu de mar os nosos ollos, na última xuntanza deste Club de Lectura falamos de próximas lecturas, e programamos a periodicidade de reunións quincenalmente. Mirade neste blogue ou no taboleiro a carón da biblioteca para saber as actividades que se realizarán en cada ocasión.
Para a/os que teñades interese en participar na elaboración do blogue, estará aberto ás vosas colaboracións os luns no segundo recreo, na sala de audiovisuais.

Por certo, xa que tamén estivemos a falar da última obra de Miguelanxo Prado, Ardalén, publicada recentemente, aquí queda a portada correspondente á edición de El Patito Editorial (en galego); en castelán sae en Norma Editorial.
Trátase dunha obra extensa, que aborda o tema da memoria e que vai máis alá do que é un cómic, segundo o autor, quen traballou a reo nela durante algo máis de tres anos. Se queredes máis información, podedes consultar na rede a páxina web do autor.

12 ene 2013

De novo unidos polos libros

Recórdovos que o próximo luns, día 14, no segundo recreo, terá lugar a xuntanza para comentar De Profundis, adiada dende antes do Nadal.
No seguinte enlace podedes visitar a páxina do autor, Miguelanxo Prado, que non ten desperdicio. Tamén aquí podedes disfrutar da versión animada deste relato.