28 jul 2015

... e os domingos, un croissant

Baixo este lema, correspondente co título da obra que comentabamos na sección de adultos deste club de lectura, onte fixemos unha nova xuntanza.
Ademais de comentar a obra de lectura en concreto, fixemos un breve percorrido pola obra de Úrsula Heinze e puxemos en común os nosos coñecementos sobre o Xinkgo ("árbore da vida"): non en van as follas deste fósil vivinte exemplo de resiliencia ilustran a portada e outros espazos deste libro.

7 jul 2015

O ano do poeta da chaira... e dos vales...

O sábado 4 de xullo a RAG acordou que o Día das Letras no 2016 sexa para Manuel María, poeta de enorme traxectoria literaria e importante compromiso coa lingua.
Este poeta chairego, nado en Outeiro de Rei en 1929, publicou obras tan representativas como Muiñeiro de Brétemas, Terra Cha, Versos para un país de minifundios, Aldraxe contra a xistra, A lus resuscitada, As lúcidas lúas do outono ou Sonetos á casa de Hortas. O seu amor pola terra e pola lingua galega fíxolle ollar a paisaxe e as xentes de moi distintas comarcas, como testemuñan os seus Sonetos ao Val de Quiroga, lugar ao que estaba vencellado por ascendencia materna.
O ano pasado, neste club de lectura achegámonos á súa obra, que dalgún xeito foi o eixo temático da saída que fixemos en maio do 2014: en Lugo, fomos á emisora Radio Ser para participar no programa "O son da nosa fala", lendo poemas seus (algúns do devandito poemario Sonetos ao Val de Quiroga), fixemos outro par de actividades na cidade, e rematamos o percorrido da xornada visitando a Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei.
Manuel María á beira do río Miño na Santa Isabel (Outeiro de Rei)