4 may 2019

O vento do mar en Quiroga

Hoxe o vento ávrego soprou a favor por fin: comentamos Ardalén de Miguelanxo Prado
Estaba previsto telo feito con anterioridade, pero non houbo maneira de cadrar as datas entre os membros da sección de adultos, e aínda así, fomos menos dos habituais. Unha verdadeira mágoa, porque deu moito que falar. Por suposto, encantounos.
Collédeo xa na biblioteca, se aínda non o lestes. É un libro que todo o mundo debería ler alomenos unha vez... porque, todo hai que dicilo, é difícil resistirse ao pracer de volvelo ler. 
No noso caso, devoramos esta obra de impresionante debuxo, na que se conta unha historia fantástica, en todos os sentidos da palabra; este relato aborda dun xeito sorprendente as relacións entre a realidade e a memoria das persoas. Pouco a pouco, o autor consegue enfeitizarnos coas imaxes e coas palabras, e lévanos ata o universo de ensoñacións mariñas de Fidel e Sabela.
Imposible resistirse á viaxe cara ao mar cando o ardalén ventea sobre nós, á beira dos cumes do Courel.

As seguintes lecturas que imos facer, coa idea de comentalas cara mediados de xuño, son Memoria do silencio, de Eva Mejuto e Solas, de Carmen Alborch.