14 nov 2019

Continuamos.... e ampliamos!

Hoxe tivemos a segunda reunión do noso club. As lecturas están en marcha e repartimos as letras de “CLUB DE LECTURA” para renovar o noso taboleiro do centro. En dúas semanas, amosarémosvos o resultado! 
Ademais, incorporáronse novos membros de cursos superiores, polo que ofrecimos unha segunda lectura, da mesma autora, para os lectores máis ávidos. Así as cousas, combinaremos O segredo do lagarto arnal e O que sei do silencio, para escoller entre os argumentos e extensións que máis nos tenten.
A vós, que vos tenta máis? As intrigas coas que David se atopará na súa volta á aldea ou o arrepentimento de Delia ao darse conta do que fixeran con Silke? 

29 oct 2019

Comezamos! O 24 de outubro, coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas, puxemos a andar o Club de Lectura 2019 do IES de Quiroga. Nesta primeira reunión limos o pregón “A sen conto”, de Gemma Pasqual e traducido ao galego por Héctor Cajaraville. Podedes ler o texto enteiro en galego, castelán, catalán e euskera aquí.

A continuación, escollemos a que será a primeira lectura do curso: O segredo do lagarto arnal, da autora coruñesa Andrea Maceiras. Rematamos cunha foto dos integrantes do festexando, un ano máis, o privilexiados que somos rodeados de todo tipo de libros. Longa vida ás bibliotecas, ás lecturas e, sobre todo, aos lectores e lectoras que desfrutan co marabilloso poder das verbas!



6 sept 2019

Sempre setembro

Pois é. O momento do rencontro.
Neste caso, dunha boa parte do histórico de membros da sección de adultos de Libromanía.
@s que non puideron vir, estiveron tamén con nós, sempre presentes.


Laretamos moito, de libros e de tempos compartidos. Tamén das nosas vidas e proxectos. Vaia por diante que tivo máis éxito Tres días e unha vida que Pensa nao. Darémoslles outra voltiña a finais de setembro. E engadimos Nocilla dream, de A.Fernández Mallo, que xa hai quen non ten que ler...

5 jul 2019

Xullo de libros

Fóisenos indo das mans o tempo á sección de adultos de Libromanía para xuntarnos e falar das lecturas pendentes... e chegamos a xullo! O verán pillounos de cheo para botar o conto sobre Memoria do silencio, de Eva Mejuto e Solas, de Carmen Alborch.
Como non temos parada -sempre co libro na man- xa fixamos as lecturas para setembro: Pensa nao de Anxo Angueira (ao que estabamos ofrecidos xa fai tempo) e Tres días e unha vida, de Pierre Lemaitre, a proposta da nosa bibliotecaria.


1 jul 2019

Agasallos!!!

Para rematar este ano agasallamos aos rapaces e rapazas de Libromanía cunha axenda e un bolígrafo para que poidan anotar os libros que lerán este verán, para á volta das vacacións comentalos e recomendalos ao resto dos compañeiros. Rapaces e rapazas desfrutade do verán pero non vos esquezades de LER.







Difruta do verán cun libro na man!!

Propúxose ao alumnado do club de lectura unha maleta chea de libros para que levaran uns cantos para disfrutar da lectura nos momentos de ocio das vacacións. Velai vai o club de lectura rebuscando na maleta para elexir os seus libros!!



Memoria do silencio

As rapazas de 2º da Eso de Libromanía leron "Memoria do silencio" de Eva Mejuto  comentamos o libro o 20 de xuño, nel nárrase unha historia de Galicia durante a II Guerra Mundial. Estación de tren de Ribadavia, verán de 1943. Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. Lola é unha muller brava e xenerosa, que cre na xustiza por riba de todo e arrisca a vida por axudar a quen o necesita. Frieda foxe da Holanda nazi e do seu pasado, arelando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Tempos difíciles onde o medo e o silencio tecen unha rede de segredos e intrigas cun fin último: a liberdade. 




28 jun 2019

Os nenos da variola

Libromanía comenta o xoves 13 de xuño o último libro deste curso, "Os nenos da variola" de María Solar onde se conta  unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Aínda que o foron. Nos seus pequenos corpos, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que unha muller fascinante, Isabel Zendal, xogará un apapel determinante. A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca. O libro deixou ao alumnado con gana de saber que pasará con algún dos rapaces protagonistas da historia. E deixaron voar a súa imaxinación para buscar finais alternativos para a historia.




27 jun 2019

Lendo aos nenos pequerrechos

O martes 11 de xuño Libromanía e dous alumnos de 1º da ESO, Ángel Romero e Ana Romero, foron o CEIP de Sanclodio a ler uns contos ao alumnado de Infantil do centro. Os picaros de San Clodio agasallaronnos cunha preciosa canción antes de comenzar as lecturas.
Lemos, "Corre corre cabaziña", "Chocolata" "Cocorico" "Correo para tigre" e "Onde viven os monstros", pero sen dúbida o conto estrela foi "Corre corre cabaziña". Agradecemos aos mestres do colexio a súa acollida.
A continuación unhas pinceladas do que aconteceu ese día!














E o mercores día 12 os rapaces e rapazas foron ao CEIP de Quiroga a ler aos nenos de infantil.


26 jun 2019

Por fin!

Cadrou o momento por fin para ter un dos encontros máis adiados de Libromanía: o do comentario do grupo de alumnado de BAC. O calendario deste curso foi moi intenso para a maioría de nós, sobre todo para quen tivo que pasar recentemente polas ABAU!
Iso si, aproveitamos para falar das dúas lecturas que tiñamos pendentes: La Fundación, de Buero Vallejo e Crónica de una muerte anunciada, de Gabriel García Márquez. Aínda que en xeral gustaron (sempre hai algunha excepción), houbo diferencias en canto a cal das dúas era a preferida. Non está mal tendo en conta que son lecturas obrigadas...  ;-)
As lecturas por escolla propia farémolas este verán... caerán algunhas das que nos recomendamos mutuamente, seguro!

Unha parte desta sección de Libromanía... non hai maneira de estar o 100%!

6 jun 2019

Entrevista a Andrea Barreira Freije.



Libromanía aproveitou a visita de Andrea ao IEs, o 15 de maio, para facerlle unha pequena entrevista e así coñecela mellor e aclarar as dúbidas que lle quedaran despois da lectura de "Palabra de bruxa".




A gran travesía de Chiruca Macallás


Libromanía comentou o 30 de maio "A gran travesía de Chiruca Macallás" onde se conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación.



"Palabra de Bruxa"

Libromanía comentou  "Palabra de Bruxa"de Andrea Barreira Freije o 11 de abril. A través das páxinas deste libro coñeceremos  o que contan as bruxas e a súa verdade. 


Tivemos ademais o enorme pracer de contar no centro coa autora, a cal explicou ao alumnado todos os recunchos do seu libro e ademais contoulles os pasos a seguir para escribir un libro. E  gustosamente deu resposta a todas as preguntas que tiñan os alumnos/as. 


Libromanía traballa coa prensa

O alumnado do Club de Lectura reúnese na Biblioteca do centro para leer os periódicos e buscar neles noticias de mulleres relevantes en diferentes campos.
Estas noticias expoñense no RECUNCHO DAS DONAS dos deportes, das letras, das artes e das ciencias.





Libromanía e a Poesía

Con motivo da conmemoración do "día mundial da poesía", o 21 de marzo o alumnado pertencente ao Club de Lectura reuniuse no recreo para ler poemas. 
Libromanía elexiu diversos poemas de moi diversas autoras. Velaí unha mostra.


Video 






4 may 2019

O vento do mar en Quiroga

Hoxe o vento ávrego soprou a favor por fin: comentamos Ardalén de Miguelanxo Prado
Estaba previsto telo feito con anterioridade, pero non houbo maneira de cadrar as datas entre os membros da sección de adultos, e aínda así, fomos menos dos habituais. Unha verdadeira mágoa, porque deu moito que falar. Por suposto, encantounos.
Collédeo xa na biblioteca, se aínda non o lestes. É un libro que todo o mundo debería ler alomenos unha vez... porque, todo hai que dicilo, é difícil resistirse ao pracer de volvelo ler. 
No noso caso, devoramos esta obra de impresionante debuxo, na que se conta unha historia fantástica, en todos os sentidos da palabra; este relato aborda dun xeito sorprendente as relacións entre a realidade e a memoria das persoas. Pouco a pouco, o autor consegue enfeitizarnos coas imaxes e coas palabras, e lévanos ata o universo de ensoñacións mariñas de Fidel e Sabela.
Imposible resistirse á viaxe cara ao mar cando o ardalén ventea sobre nós, á beira dos cumes do Courel.

As seguintes lecturas que imos facer, coa idea de comentalas cara mediados de xuño, son Memoria do silencio, de Eva Mejuto e Solas, de Carmen Alborch.

22 feb 2019

ENTREVISTA A UXÍA SENLLE

Con motivo do día de Rosalía dende a biblioteca do IES de Quiroga organizouse unha actuación da cantante Uxía Senlle e dende Libromanía aproveitamos para facerlle unha entrevista. Podedes ver a entrevista no seguinte enlace:


Libromania entrevista a Uxía Senlle


 
 

17 feb 2019

Xornada memorable de música e letras

O venres tivemos con nós a Uxía Senlle, que estivo no IES de Quiroga, acompañada por Santi Cribeiro e Sérgio Tannus, para conmemorar o Día de Rosalía co concerto "Uxía canta a Rosalía". 
Despois da actividade de lecer para o alumnado, os tres músicos participaron nun encontro-xantar cos membros do Club de Lectura de adultos: falouse de libros e de música, por suposto, entre moitos outros temas. Foi unha ocasión fantástica para partillar experiencias culturais e vitais.
Nesta imaxe podedes vernos ao remate da sobremesa, tendo xa nas mans algunha das nosas próximas lecturas.

24 ene 2019

Lecturas de xaneiro

O venres 18 de xaneiro xa andabamos no lío outra vez.
A sección de adultos de Libromanía tivo unha xuntanza para falar dos libros que estamos lendo (A nena do abrigo de astracán, de X. DoCampo e Guerra, de Janne Teller), e, aproveitando a presenza de Xosé Estévez e Maribel na localidade, presentar aos nosos lectores e lectoras o seu último libro.
Como aínda quedou moito que dicir das dúas obras de lectura, darémoslles outra volta en breve. Iso si, engadimos Garra de la guerra, de Gloria Fuertes, moi na liña deste bloque temático.
Nelson Avilez, que non puido acudir nesa data, fixo dous vídeos-comentario (A nena do abrigo de astracán e Guerra). Moitísimas grazas pola aportación.

E na mesma xornada, unha pouco despois, reuniuse a sección de alumnado de BAC: neste caso falouse de La verdad sobre el caso Savolta, a intrigante novela de Eduardo Mendoza ambientada na cidade condal a principios do século XX. Houbo quen a disfrutou moito a pesar da súa densidade, pero tamén houbo a quen non lle chistou demasiado...
A mediados de marzo comentaremos La Fundación de Buero Vallejo, autor teatral do que a maioría dos participantes xa leu Historia de una escalera nalgún curso previo. Dará moito para falar...