17 dic 2013

Nadal de lecturas


Ola, lector@s:

Recordade que estamos lendo, na sección xuvenil, O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, e na de adultos, Maus, de Art Spiegelman. Desta magnífica historia temos exemplares en castelán e en galego (estes grazas ao préstamo da Biblioteca de Redondela, porque están esgotados).

Nos dous grupos teremos a xuntanza para  comentar as obras despois do Nadal, porque agora non nos deu para máis. Disfrutade delas e doutros libros nestas datas, e non esquezades contalo á volta!

11 dic 2013

Páxinas con sabor

Ola de novo lector@s.
O trimestre vai indo e non hai tempo para nada, nen para actualizar esta bitácora, aínda ben que fomos facendo as xuntanzas previstas sen novidade:

O día 13 de novembro, a sección de adultos comentou O único que queda é o amor, e votou as tres mellores historias desta colección de relatos para propoñérllelos aos rapaces/as. Os contos seleccionados foron "Un radiante silencio", "Esta extraña lucidez" e "Loanza de la filatelia". A valoración global da obra foi moi boa, e deu para achegarnos a todo o universo narrativo de Agustín Fernández Paz, cheo de referencias literarias, e á obra de moitos outros autores, como o poetas José Ángel Valente e Wislawa Szymborska. Tamén houbo referencias á obra narrativa de Paul Auster, do quen leramos algo o ano pasado.

O día 15 de novembro os máis novos fixeron un percorrido por A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, aproveitando tamén para botar unha ollada pola súa traxectoria literaria, vendo exemplares de obras súas como Carta de Lisboa, De Profundis, Os compañeiros da orde  de pedra, Trazo de xiz ou a súa última novela gráfica, Ardalén, coa que gañou o Premio Nacional de Cómic.

O día 29 de novembro houbo outra xuntanza no segundo recreo, para distribuir os exemplares de O único que queda é o amor entre a rapazada, na que se aproveitou tamén para facer propostas de actividades lúdicas.