Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Estévez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Estévez. Mostrar todas las entradas

24 ene 2019

Lecturas de xaneiro

O venres 18 de xaneiro xa andabamos no lío outra vez.
A sección de adultos de Libromanía tivo unha xuntanza para falar dos libros que estamos lendo (A nena do abrigo de astracán, de X. DoCampo e Guerra, de Janne Teller), e, aproveitando a presenza de Xosé Estévez e Maribel na localidade, presentar aos nosos lectores e lectoras o seu último libro.
Como aínda quedou moito que dicir das dúas obras de lectura, darémoslles outra volta en breve. Iso si, engadimos Garra de la guerra, de Gloria Fuertes, moi na liña deste bloque temático.
Nelson Avilez, que non puido acudir nesa data, fixo dous vídeos-comentario (A nena do abrigo de astracán e Guerra). Moitísimas grazas pola aportación.

E na mesma xornada, unha pouco despois, reuniuse a sección de alumnado de BAC: neste caso falouse de La verdad sobre el caso Savolta, a intrigante novela de Eduardo Mendoza ambientada na cidade condal a principios do século XX. Houbo quen a disfrutou moito a pesar da súa densidade, pero tamén houbo a quen non lle chistou demasiado...
A mediados de marzo comentaremos La Fundación de Buero Vallejo, autor teatral do que a maioría dos participantes xa leu Historia de una escalera nalgún curso previo. Dará moito para falar...




24 jul 2016

2016, todo Manuel María

O pasado xoves 21 tivo lugar a xuntanza da sección de adultos deste Club de Lectura para comentar os Sonetos ao Val de Quiroga que tivera que ser adiada en maio. Aproveitamos a presenza de Xosé Estévez e a súa muller, Maribel Goñi, en terras quiroguesas para convidalos a acompañarnos nesa viaxe literaria, da que eles foron testemuñas no seu día.
Así, descubrimos a historia da edición deste poemario, dende a súa versión inicial de 1986 de vinte sonetos, ata a que foi definitiva, publicada en 1988 polo Concello de Quiroga e reeditada neste 2016.
Aquí deixamos unha imaxe onde están todas as "versións" desta obra, co interese engadido de que dúas delas son as feitas polo propio Manuel María, enviadas a Xosé Estévez por correo a Euskadi.

O verán, ás veces, ofrece oportunidades tan boas coma esta para parolar sobre libros, historia da literatura e da cultura galega, e, sobretodo, de amizade.
En setembro falaremos de Las sinsombrero, de Tania Ballo e A boca do monte, de Celia Díaz, as nosas seguintes lecturas, e tamén de todas as que fagamos no verán...
Boas lecturas!

16 may 2016

... e maio aínda máis!

Este mes está sendo esgotador... non hai tempo nin para unha entradiña no blog...
Ata finais da semana podedes aproveitar o Mercado do Libro de segunda man, que, como sabedes está no "recuncho Castelao"; non deixedes de botarlle un ollo aos materiais que aparecerán alí, á vosa disposición ao mini prezo dun euro, entre os días 18 e 19... levarédesvos algunha sorpresa.

Sinto ter que comunicarvos que Xosé Estévez, finalmente non vai estar nestas datas en Quiroga, polo que haberá que adiar a xuntanza que tiñamos prevista facer con el para comentar os Sonetos ao Val de Quiroga (sección adultos/as) e a segunda parte da charla sobre Manuel María e Quiroga, que ía destinada en exclusiva ao alumnado do Club de Lectura e aos membros do EDNL. 
Xosé ten esta semana unha axenda moi intensa en Euskal Herria, falando do seu amigo Manuel María e a relación que mantivo con ese territorio peninsular. Deixovos aquí uns enlaces para que vexades que o Día das Letras se conmemora en moitos espazos xeográficos, non só en Galicia.
PD: xa vistes as fotos do roteiro do día 5 de maio, que están colgadas no facebook? Non volas perdades!!! Aquí deixamos outra desa serie, para que se vexa ben canto traballastes nesa andaina... ata cando estabades en repouso!


25 abr 2016

Abril é moito!

Aínda que non nos facemos ver na rede, andamos a cen nestas datas. Non damos feito!
A rapazada está participando en actividades do ciclo "Abril de libros, maio de letras" (sobre a figura de Castelao, que dende a pasada semana ten presenza física neste centro, moi preto da biblioteca, por certo; o Mercado do Libro, que está a punto de comezar unha nova edición; lecturas presenciais de relatos breves escollidos; Quinielas lectoras -xa vos contaremos, xa- e outras propostas de lecer).
A sección de adultos celebrou o mércores 13 de abril unha xuntanza para comentar Wilt e a segunda parte de Os camiños da terra, de Otero Pedrayo, que require o seu tempo de lectura. Aínda que había un bo número de propostas para ler a continuación, ao final decidímonos por un clásico de actualidade, moi relacionado co espazo xeográfico quirogués, os Sonetos ao Val de Quiroga (xa sei xa, que non vos custou adiviñalo) de Manuel María; a idea é comentalo a terceira semana de maio, e conmemorar así, ademais, o Día das Letras, aproveitando que estará Xosé Estévez de novo por aquí.
Con respecto a esa obra, podedes acceder na rede aos audios correspondentes á lectura dos poemas que a integran, na voz do alumnado, do profesorado e do persoal non docente do noso IES. Foi un pracer colaborar para darlle voz ás fermosas composicións de Manuel María. Algunhas delas xa se escoitaron nos propios espazos aos que fan referencia, durante o Roteiro Manuel María e os Sonetos ao Val de Quiroga, organizado polo CAFI, que tivo lugar o 9 de abril.
A primeiros de maio, unha boa parte do noso alumnado participará na mesma experiencia, percorrendo as paisaxes ás que alude o poeta chairego durante unha andaina.
Tamén en relación con esta obriña -leit motiv deste curso, como vedes - estivo con nós Xosé Estévez, veciño de Quiroga residente en Euskadi, amigo persoal de Manuel María, e prologuista dese poemario, que nos falou do autor ao que este ano se lle adican as letras, e que el coñeceu tan ben.
A súa charla, aberta á comunidade educativa, deu pé para saber moitas cousas da historia da localidade e mesmo de familiares e persoas coñecidas dos asistentes. Aínda máis: deunos a oportunidade de coñecer un soneto inédito, escrito polo autor chairego trala morte de Pin Teixelo, o pintor que ilustrou a primeira edición dos Sonetos...