31 ene 2013

Celebración do Día da Paz

Onte houbo varias actividades para conmemorar o Día da Paz e promover actitudes e comportamentos non violentos, unha delas, un recital poético no que se deu lectura a composicións que falaban de abusos, violencia, guerras, intolerancia e actitudes pouco solidarias que todos debemos evitar, estivo organizada este Club de Lectura e contou coa presenza activa do alumnado de bacharelato e 4º da ESO.
Tamén houbo lugar para a esperanza con carteis realizados polo alumnado de distintos niveis, promovendo a súa realización dende distintos departamentos.
Moitas grazas a todos e todas pola vosa colaboración e participación.
En breve, poderedes ver aquí as fotos.

15 ene 2013

Nas profundidades...

Na última xuntanza baixamos ás profundidades do mar coa obra de Miguelanxo Prado, que nos deixou bastante impresionados, polas imaxes e polo argumento, fantástico e tráxico, pero cheo de beleza.


Ademais de comentar De Profundis, verdadeira xoia gráfica que encheu de mar os nosos ollos, na última xuntanza deste Club de Lectura falamos de próximas lecturas, e programamos a periodicidade de reunións quincenalmente. Mirade neste blogue ou no taboleiro a carón da biblioteca para saber as actividades que se realizarán en cada ocasión.
Para a/os que teñades interese en participar na elaboración do blogue, estará aberto ás vosas colaboracións os luns no segundo recreo, na sala de audiovisuais.

Por certo, xa que tamén estivemos a falar da última obra de Miguelanxo Prado, Ardalén, publicada recentemente, aquí queda a portada correspondente á edición de El Patito Editorial (en galego); en castelán sae en Norma Editorial.
Trátase dunha obra extensa, que aborda o tema da memoria e que vai máis alá do que é un cómic, segundo o autor, quen traballou a reo nela durante algo máis de tres anos. Se queredes máis información, podedes consultar na rede a páxina web do autor.

12 ene 2013

De novo unidos polos libros

Recórdovos que o próximo luns, día 14, no segundo recreo, terá lugar a xuntanza para comentar De Profundis, adiada dende antes do Nadal.
No seguinte enlace podedes visitar a páxina do autor, Miguelanxo Prado, que non ten desperdicio. Tamén aquí podedes disfrutar da versión animada deste relato.