Mostrando entradas con la etiqueta O principiño. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O principiño. Mostrar todas las entradas

10 nov 2015

O principiño

Tanto a sección xuvenil como a sección de adultos tiveron hoxe reunións de comentario sobre esta breve obra de Saint-Exupéry. No caso dos adultos establecéronse como próximas lecturas La voz dormida, de Dulce Chacón (recomendación de Sés) e Cos peitos desenchufados, de Elías Portela / Knörr. Os máis novos aínda teñen pendente outra xuntanza para falar da obra do piloto francés e para seleccionar a seguinte obra de lectura.

20 oct 2015

Xa ven, xa ven!

Mentres esperamos impacientes o concerto de Sés e Tito Calviño no noso centro a vindeira semana, o alumnado máis veterano de Libromanía está revisando diversos materiais documentais sobre a cantautora galega, para elaborar un pequeno cuestionario co que a abordarán ese día nalgún momento, antes ou despois de que troncen os valos no escenario do salón de actos.
Vai ser o evento do ano no IES de Quiroga!

Por outra parte, os alumnos e alumnas que participan este ano no Club de Lectura están a ler, como primeira lectura O principiño, aproveitando que era a primeira proposta para a sección de adultos, e admite múltiples lecturas e relecturas. Ademais, cada quen elixe a lingua na que quere lelo, pois hai traducións desta obra en varias linguas (polo de agora temos lectores/as en castelán, galego, en francés e en portugués). Aquí vos queda o enlace para a versión francesa orixinal.

7 oct 2015

Imos indo

Onte a sección de adultos de Libromanía realizou o comentario das lecturas pendentes: Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño, e O solpor da cupletista, de Mª Xosé Queizán. Calquera das dúas obras deu moito de si para falarmos, e iso que a do escritor arxentino houbo a quen se lle fixo moi densa -e moi longaaaa-: non en van polas súas páxinas entrecrúzanse os camiños dun bo número de personaxes, moitos deles auténticos referentes literarios. A noveliña da autora galega permitiunos abordar a temática da situación das mulleres noutras épocas, ademais de achegarnos, cunha perspectiva menos prexuizosa, á figura de Carolina Otero.  
Dentro das preferencias de cada lector/a participante, pódese dicir que foron dúas "grandes lecturas".

Propúxose como seguinte lectura O principiño, de Saint-Exupéry, aproveitando que a súa brevidade e o feito de coñecérmolo xa tod@s favorece a introdución do primeiro clásico nas lecturas deste club. Era un tema pendente que sempre se ía adiando, como a nosa antoloxía poética de cabeceira (feita cos poemas seleccionados por cada un/unha de nós): semella que ao fin as dúas propostas se concretan.
Con respecto á rapazada, con quen houbo unha reunión de presentación onte, decidiuse pospoñer a elección das lecturas ata a vindeira semana, nas xuntanza específica.