1 abr 2013

Veña que vai!

Avisos varios: o vindeiro luns, no segundo recreo comentaremos La cruzada de los niños; tamén este mes terá lugar o Mercado do libro de segunda man e unha sesión presencial nalgunha lingua estranxeira: estade atentos ás novas que vos iremos dando.
Velaquí tedes o noso expositor coas últimas adquisicións... hum... da gusto velas!

15 feb 2013

Seguimos en marcha

Xa están viaxando de man en man os exemplares da seguinte lectura para os rapaces, un libriño curto cheo de sentimento e imaxes: La cruzada de los niños, na magnífica edición na que Carme Solé ilustra o texto de Bertolt Brecht.
Por outra parte, onte houbo unha xuntanza dos adultos para falar de El enredo de la bolsa y la vida, de Eduardo Mendoza, obra coa que en xeral, botamos unhas risas. Deixo aquí as palabras dunha das participantes referidas ó anónimo protagonista: "É unha pena que este personaxe non teña nome para recordalo."
A próxima obra para os adultos é Sunset Park, de Paul Auster.



31 ene 2013

Celebración do Día da Paz

Onte houbo varias actividades para conmemorar o Día da Paz e promover actitudes e comportamentos non violentos, unha delas, un recital poético no que se deu lectura a composicións que falaban de abusos, violencia, guerras, intolerancia e actitudes pouco solidarias que todos debemos evitar, estivo organizada este Club de Lectura e contou coa presenza activa do alumnado de bacharelato e 4º da ESO.
Tamén houbo lugar para a esperanza con carteis realizados polo alumnado de distintos niveis, promovendo a súa realización dende distintos departamentos.
Moitas grazas a todos e todas pola vosa colaboración e participación.
En breve, poderedes ver aquí as fotos.

15 ene 2013

Nas profundidades...

Na última xuntanza baixamos ás profundidades do mar coa obra de Miguelanxo Prado, que nos deixou bastante impresionados, polas imaxes e polo argumento, fantástico e tráxico, pero cheo de beleza.


Ademais de comentar De Profundis, verdadeira xoia gráfica que encheu de mar os nosos ollos, na última xuntanza deste Club de Lectura falamos de próximas lecturas, e programamos a periodicidade de reunións quincenalmente. Mirade neste blogue ou no taboleiro a carón da biblioteca para saber as actividades que se realizarán en cada ocasión.
Para a/os que teñades interese en participar na elaboración do blogue, estará aberto ás vosas colaboracións os luns no segundo recreo, na sala de audiovisuais.

Por certo, xa que tamén estivemos a falar da última obra de Miguelanxo Prado, Ardalén, publicada recentemente, aquí queda a portada correspondente á edición de El Patito Editorial (en galego); en castelán sae en Norma Editorial.
Trátase dunha obra extensa, que aborda o tema da memoria e que vai máis alá do que é un cómic, segundo o autor, quen traballou a reo nela durante algo máis de tres anos. Se queredes máis información, podedes consultar na rede a páxina web do autor.

12 ene 2013

De novo unidos polos libros

Recórdovos que o próximo luns, día 14, no segundo recreo, terá lugar a xuntanza para comentar De Profundis, adiada dende antes do Nadal.
No seguinte enlace podedes visitar a páxina do autor, Miguelanxo Prado, que non ten desperdicio. Tamén aquí podedes disfrutar da versión animada deste relato.

26 dic 2012

Lecturas para os adultos


As obras de lectura seleccionadas polos adultos foron: El enredo de la bolsa y la vida (Eduardo Mendoza), Sunset Park (Paul Auster) e Misión Olvido (María Dueñas). Xa podedes ir empezando...

17/12/2012
Queridos lectores e lectoras de Quiroga:
Por razóns alleas á nosa vontade (exames e outras probas previas á avaliación) temos que pospoñer a xuntanza para falar de De Profundis, prevista para hoxe. Para que todo o mundo estea máis relaxado, ímola deixar para a volta das vacacións (xa avisaremos da data). Acordádevos de devolver os libros.
Pasade boas festas e lede moito.

Déixovos aquí unhas imaxes
do noso taboleiro, onde
estamos a facer un mural
de acrósticos cos nomes
dos membros do club.