9 jun 2016

E aos versos do Manuel!

Xa sei, xa sei.. deixei a medias a reportaxe da viaxe do día 31 de maio, pero nestas datas hai moi pouco tempo libre, como ben sabedes.
Despois do roteiro, na saída a Monforte, pasamos pola librería Agrasar para compartir un anaquiño de conversa con membros do Club de Lectura la Librélula, que fai alí as súas xuntanzas e actividades. Seguro que non tedes nin idea de que falamos alí...

Pero a xornada non acabou aí, despois xantamos tod@s xunt@s e dirxímonos ao Barco de Valdeorras para ver a laboura que fixeron alí os EDNL de varios centros, en colaboración coa Asociación de Comerciantes, decorando rúas e escaparates con versos xa vos imaxinades de quen...

Aquí podedes ver ás nosas estrelas  ;-)


31 may 2016

Todos os camiños levan a Manuel!

Por se alguén non identificou algunha das fotos previas, e non acudiu hoxe á saída do Club de Lectura deste ano: fomos a Monforte e ao Barco de Valdeorras.
Na localidade na que viviron case corenta anos Manuel María e Saleta, realizamos un roteiro seguindo as súas pegadas, aproveitando as referencias presentes no Cancioneiro de Monforte de Lemos (1991) e outras que tiñan que ver coa súa presenza habitual en determinados espazos da vila (antigo Concello -hoxe Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra-, antiga librería Xistral, algunha vivenda...). Este percorrido, sinxelo pero moi completo, debémosllo a Xosé Martínez, traballador do Concello de Monforte que foi guiando os nosos pasos e envolvendo de maxia literaria cada unha das etapas. Non só estivo presente "o Manuel": tamén Lois Pereiro, outro gran poeta vencellado a esta vila, Castelao e Manuel Antonio (que estiveron alí nunha asemblea das Irmandades da Fala en 1922); "o Ledo", poeta popular; por suposto, Inés de Castro e a súa tráxica historia...
Achegádevos a Monforte dende a ollada de Manuel María, facendo esta visita. 
Aquí queda a foto de grupo noutro espazo de referencia: onda a escultura do autor de Terra Chá.
Moitas grazas por todo, Xosé
Houbo algunha actividade máis hoxe, como ben sabedes, pero iso fica para outro día...


27 may 2016

Isto vaise acabando... e chega o mellor

O mes de maio non corre, voa... e con el vaise o curso e tamén a actividade do Club de Lectura; pero aínda temos pendente unha das actividades estrela: a saída de final de curso!
Este ano, ademais, compartiremos a viaxe cos colaboradores/as do EDNL, que traballaron a reo e ben merecen un detalliño ;-)
Por outra parte, somos dous conxuntos de activistas que temos en común moitos membros...
Visitaremos dúas localidades galegas que teñen un río que as atravesa, e un deles tamén percorre terra quiroguesas... a ver se adiviñades...

24 may 2016

Sempre igual

A ver rapazada: quedamos mañá no segundo recreo, no sitio de sempre, xa que hoxe algúns/as de vós tiñades un exame que coincidía coa hora da xuntanza. Estas datas é o que teñen... uns días porque había ensaio para o Festival das Letras, outros que andabamos liados co Mercado do Libro... non hai xeito de coincidir ;-)
Por certo, como dous dos gañadores do Pasapalabra son membros do Club de Lectura, aquí deixamos a foto dos participantes, noraboa a todos, que o fixestes moi ben!!!!
E por suposto, grazas ao alumnado colaborador de EDNL, que elixiu os termos e elaborou as definicións, entre outras tarefas; tamén a Sabela García, por todo o traballo de organización do evento, e a Pablo Varela e o seu alumnado de Tecnoloxía, que deixaron para a posteridade este taboleiro coa ruleta de letras tan xeitoso que vedes na imaxe...

16 may 2016

... e maio aínda máis!

Este mes está sendo esgotador... non hai tempo nin para unha entradiña no blog...
Ata finais da semana podedes aproveitar o Mercado do Libro de segunda man, que, como sabedes está no "recuncho Castelao"; non deixedes de botarlle un ollo aos materiais que aparecerán alí, á vosa disposición ao mini prezo dun euro, entre os días 18 e 19... levarédesvos algunha sorpresa.

Sinto ter que comunicarvos que Xosé Estévez, finalmente non vai estar nestas datas en Quiroga, polo que haberá que adiar a xuntanza que tiñamos prevista facer con el para comentar os Sonetos ao Val de Quiroga (sección adultos/as) e a segunda parte da charla sobre Manuel María e Quiroga, que ía destinada en exclusiva ao alumnado do Club de Lectura e aos membros do EDNL. 
Xosé ten esta semana unha axenda moi intensa en Euskal Herria, falando do seu amigo Manuel María e a relación que mantivo con ese territorio peninsular. Deixovos aquí uns enlaces para que vexades que o Día das Letras se conmemora en moitos espazos xeográficos, non só en Galicia.
PD: xa vistes as fotos do roteiro do día 5 de maio, que están colgadas no facebook? Non volas perdades!!! Aquí deixamos outra desa serie, para que se vexa ben canto traballastes nesa andaina... ata cando estabades en repouso!


25 abr 2016

Abril é moito!

Aínda que non nos facemos ver na rede, andamos a cen nestas datas. Non damos feito!
A rapazada está participando en actividades do ciclo "Abril de libros, maio de letras" (sobre a figura de Castelao, que dende a pasada semana ten presenza física neste centro, moi preto da biblioteca, por certo; o Mercado do Libro, que está a punto de comezar unha nova edición; lecturas presenciais de relatos breves escollidos; Quinielas lectoras -xa vos contaremos, xa- e outras propostas de lecer).
A sección de adultos celebrou o mércores 13 de abril unha xuntanza para comentar Wilt e a segunda parte de Os camiños da terra, de Otero Pedrayo, que require o seu tempo de lectura. Aínda que había un bo número de propostas para ler a continuación, ao final decidímonos por un clásico de actualidade, moi relacionado co espazo xeográfico quirogués, os Sonetos ao Val de Quiroga (xa sei xa, que non vos custou adiviñalo) de Manuel María; a idea é comentalo a terceira semana de maio, e conmemorar así, ademais, o Día das Letras, aproveitando que estará Xosé Estévez de novo por aquí.
Con respecto a esa obra, podedes acceder na rede aos audios correspondentes á lectura dos poemas que a integran, na voz do alumnado, do profesorado e do persoal non docente do noso IES. Foi un pracer colaborar para darlle voz ás fermosas composicións de Manuel María. Algunhas delas xa se escoitaron nos propios espazos aos que fan referencia, durante o Roteiro Manuel María e os Sonetos ao Val de Quiroga, organizado polo CAFI, que tivo lugar o 9 de abril.
A primeiros de maio, unha boa parte do noso alumnado participará na mesma experiencia, percorrendo as paisaxes ás que alude o poeta chairego durante unha andaina.
Tamén en relación con esta obriña -leit motiv deste curso, como vedes - estivo con nós Xosé Estévez, veciño de Quiroga residente en Euskadi, amigo persoal de Manuel María, e prologuista dese poemario, que nos falou do autor ao que este ano se lle adican as letras, e que el coñeceu tan ben.
A súa charla, aberta á comunidade educativa, deu pé para saber moitas cousas da historia da localidade e mesmo de familiares e persoas coñecidas dos asistentes. Aínda máis: deunos a oportunidade de coñecer un soneto inédito, escrito polo autor chairego trala morte de Pin Teixelo, o pintor que ilustrou a primeira edición dos Sonetos...




2 abr 2016

Sonetos, sonetos...

Acordádevos que o luns 4 comezamos coas gravacións dos Sonetos ao Val de Quiroga, de Manuel María. No primeiro recreo terá lugar unha minixuntanza de organización: distribución dos textos a aqueles/as que aínda non o teñan seleccionado e planificación de horarios para gravar (recreos desta semana).
Por outra parte, tamén teremos o mércores no segundo recreo unha xuntanza para ler en grupo o relato de Amor dos quince anos, Marilyn titulado "Malos tempos para fantasmas" e decidiremos cal é a nosa seguinte lectura presencial, que esta vez vai vir da man de Castelao...
Tamén temos pendente outra sesión de comentario de Danny, campeón del mundo (como acordamos na que houbo o martes 29), ide pensando cando tedes un oco...