21 dic 2016

O último do 2016 en Libromanía

Hoxe celebrouse a xuntanza para comentar Pulsaciones (J. Ruescas e F. Miralles), o libro que estivemos lendo estes días, aínda que o lío de exames fixo que non todo/as chegasen ao final da historia... Para compensar tanto esforzo, ademais das xa típicas larpeiradas, tomamos un té chai, como a protagonista do libro, nun momento que serve de inflexión no desenvolvemento da historia.
Aproveitamos tamén para falar dalgunhas das referencias literarias e cinematográficas que se fan ao longo do libro, unhas máis coñecidas ca outras.
No Nadal leremos Poderosa, de Sergio Klein.











A sección de adultos reuniuse o 30 de novembro para facer o comentario de Las sinsombrero, que tivera que ser adiado, e o día 13 houbo a xuntanza correspondente á delicada historia que Philippe Claudel narra A neta do señor Linh. As seguintes lecturas son Izan o da saca, de Xabier Quiroga, e Frida Kahlo. Una biografía, de María Hesse.

25 nov 2016

O mundo chámase Outeiro!

Pois si, o martes 22 de novembro fixemos a nosa primeira saída deste ano. Neste caso viaxamos ata Outeiro de Rei, para visitar a Casa-Museo Manuel María, e despois fomos ata as instalacións de Vida de Aldea, onde xantamos e aprendemos un montón de cousas sobre as posibilidades alternativas do mundo rural e a importancia da posta en valor das paisaxes. Despois de facer un pequeno percorrido a pé, rendémoslle unha homenaxe a Agustín Fernández Paz lendo fragmentos de distintas obras súas (cadaquén escolleu a súa para poñer en común). Hum... que bo sabor de boca nos quedou desta xornada, ;-)
















Podedes ver máis imaxes desta saída no facebook do centro e na reportaxe fotográfica da páxina web.

24 oct 2016

Preparando o gran día

Mañá estarán no noso centro Mini e Mero, e o alumnado do Club de Lectura de mozos e mozas anticipou a súa reunión desta semana, xa que mañá non ía dar tempo a facela; o que non puidemos foi comentar o libro que estamos lendo, Aya, como estaba previsto facer, xa que o tempo da xuntanza de hoxe adicámolo a preparar as preguntas que lles faremos mañá....


5 oct 2016

Primeiras xuntanzas deste curso

Na reunión de presentación que tivo lugar onte, acordouse:
- que este ano as reunións van ser os martes no segundo recreo, en audiovisuais
- que a primeira obra de lectura para todo o alumnado é Aya de Yopougon 
- que o vindeiro martes 11 imos facer algunha actividade de escritura creativa
- que a primeira xuntanza para comentar a lectura será o 18 de outubro
- que compartiremos algún chuche nestas ocasións 
- que queremos ter dúas saídas este ano!!!!
... seguiremos informando.

1 oct 2016

Outono de libros, sempre!

Lectores e lectoras: volvemos a poñernos en actividade, despois do descansiño do verán.
Estes últimos días varias mozas deste club de lectura preguntástesme cando ía empezar de novo: é un pracer ver que estades xa deseando que comecen as xuntanzas!!!
Pois ben, este martes 4, no segundo recreo, en principio na aula de audiovisuais, haberá unha reunión de presentación. Estades todas e todos convidados... ;-)
A sección de adultos, que este ano non desconectou nin durante o verán, ten prevista unha reunión de comentario das obras pendentes na segunda semana de outubro, xa que non hai coincidencia posible para a maioría antes desa data. 

24 jul 2016

2016, todo Manuel María

O pasado xoves 21 tivo lugar a xuntanza da sección de adultos deste Club de Lectura para comentar os Sonetos ao Val de Quiroga que tivera que ser adiada en maio. Aproveitamos a presenza de Xosé Estévez e a súa muller, Maribel Goñi, en terras quiroguesas para convidalos a acompañarnos nesa viaxe literaria, da que eles foron testemuñas no seu día.
Así, descubrimos a historia da edición deste poemario, dende a súa versión inicial de 1986 de vinte sonetos, ata a que foi definitiva, publicada en 1988 polo Concello de Quiroga e reeditada neste 2016.
Aquí deixamos unha imaxe onde están todas as "versións" desta obra, co interese engadido de que dúas delas son as feitas polo propio Manuel María, enviadas a Xosé Estévez por correo a Euskadi.

O verán, ás veces, ofrece oportunidades tan boas coma esta para parolar sobre libros, historia da literatura e da cultura galega, e, sobretodo, de amizade.
En setembro falaremos de Las sinsombrero, de Tania Ballo e A boca do monte, de Celia Díaz, as nosas seguintes lecturas, e tamén de todas as que fagamos no verán...
Boas lecturas!

9 jun 2016

E aos versos do Manuel!

Xa sei, xa sei.. deixei a medias a reportaxe da viaxe do día 31 de maio, pero nestas datas hai moi pouco tempo libre, como ben sabedes.
Despois do roteiro, na saída a Monforte, pasamos pola librería Agrasar para compartir un anaquiño de conversa con membros do Club de Lectura la Librélula, que fai alí as súas xuntanzas e actividades. Seguro que non tedes nin idea de que falamos alí...

Pero a xornada non acabou aí, despois xantamos tod@s xunt@s e dirxímonos ao Barco de Valdeorras para ver a laboura que fixeron alí os EDNL de varios centros, en colaboración coa Asociación de Comerciantes, decorando rúas e escaparates con versos xa vos imaxinades de quen...

Aquí podedes ver ás nosas estrelas  ;-)