7 oct 2018

Comeza un novo curso para o club de lectura

O próximo Xoves comezaremos as reunións do club de Lectura.

A reunión terá lugar na biblioteca durante o primeiro recreo!!
Unha das propostas de lectura será "Fora do Normal" de María Reimóndez. 
Para o novo alumnado que se incorpora ao club de lectura esperamos que sexa unha experiencia pracenteira e para aqueles que repetides no club que sexa, por suposto, do voso agrado.

8 sept 2018

Xunt@s un ano máis

Querid@s lectores e lectoras:
Onte reiniciamos a nosa actividade despois do verán.
O grupo do alumnado de BAC comentou Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana, nunha xuntanza a media mañá. Aquí podedes vernos ao remate do conto.
A convocatoria para a sección de adultos (Huye rápido, vete lejos de Fred Vargas e Contra todo isto de Manolo Rivas), era, coma sempre, de xantar-comentario. Esta vez ademais de darlle á lingua moito e ben, acordámonos de sacar unha foto ao rematar...
Seguiremos informando de lecturas e datas da nosa actividade. Xa sabedes onde atoparnos!

27 jun 2018

Sempre hai que ter algo entre as mans

Pois si. Veu o verán de lecturas cheíño, e nós imos aproveitar ben o tempo.
A sección de adultos xa fixou unha nova xuntanza de comentario para a primeira semana de setembro: degustaremos Contra todo isto, de Manolo Rivas e Huye rápido, vete lejos, de Fred Vargas.
Iso de menú principal... logo cadaquén traerá algunha sobremesa saborosa da que falar.

E este ano, por primeira vez, tamén o alumnado máis veterano no clube se animou a comezar xusto á volta das vacacións comentando unha obra de lectura. Neste caso a proposta foi Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana.




16 jun 2018

Últimas sesións deste curso

Recordatoooorio!

O luns 18, no segundo recreo a sección do alumnado de menos idade -e calquera outro/a que queira vir-: comentario de La cruzada de los niños.

O mércores 20, no segundo recreo, xuntanza xeral do alumnado membro: peche das actividades deste curso, con algunha sorpresiña.
O venres 22, á hora de xantar, como vén sendo habitual, a sección de adultos tamén se reúne para ter a última xuntanza deste curso. Falaremos das obras que temos pendentes de comentario e estableceranse as lecturas de verán... hum... xa hai varias propostas deliciosas...

Por se tíñades curiosidade... o puzzle de libros, acabámolo. Aquí podedes ver como era de intensa a actividade para poñer as últimas pezas:

11 jun 2018

O tempo vaise, as lecturas quedan

Ao borde xa de rematar o curso, damos breve noticia dalgunhas actividades feitas neste último trimestre: rematamos maio coas lecturas no CEIP de Quiroga e no CEIP de San Clodio por parte do alumnado deste Club de Lectura (podedes ver as imaxes nestes enlaces ao facebook do centro onde se colgaron).
As lectoras e os lectores da sección do alumnado, participaron activamente en distintas propostas de "Abril de libros, maio de letras", ás que se fai referencia no blog da biblioteca máis polo miúdo. Iso si, unha das actividades estivo dirixida moi especificamente a eles/as: o encontro con Marilar Aleixandre, que visitou o noso centro o 3 de maio para falar dos seus libros. Aquí deixamos algunhas imaxes desa actividade (tamén houbo un encontro posterior coa sección de adultos de Libromanía, co habitual xantar de comentario):



12 abr 2018

Atención: collede tod@s o voso libro!

Veñen tempos que requiren telos na man...

A vindeira semana faremos Lecturas nos coles de Quiroga e de San Clodio: iremos lerlles contos e poemas aos nenos e nenas de infantil e 1º de primaria. Xa escollestes o voso texto?
Ademais, dende aquí animámosvos a participar no desafío "E ti que les?": facédevos fotos lendo ou facédellas a outros lectores/as para montar un mural con todas. Ide pensando o libro co que queredes retratarvos!
Aquí deixamos unhas do alumnado de 4º nunha Hora de Ler adicada a Manel Cráneo.
Que estamos a ler en Libromanía?
Despois dun tempo sen dar sinais na rede, facemos un pequeno recordatorio do que fomos lendo dende finais de xaneiro: os máis noviños leron El autobús de Rosa (e comentámolo á volta da Pascua) e agora imos con La cruzada de los niños; a rapazada de 3º da ESO en diante anda viaxando con Leo en Destino Xalundes, e xa houbo tres xuntanzas para falar del.
A sección de adultos ten pendente comentar A arte de trobar, de Santiago Lopo e Manual de instrucciones para mujeres de la limpieza, de Lucía Berlín. Caerán para a semana, humm...


6 feb 2018

Da viñeta á mesa

Como xa saberedes por Biblioquiroga, para conmemorar o Día da Ilustración estivo entre nós Manel Cráneo, para facer un obradoiro con parte do alumnado da ESO. 
A súa visita permitiunos aproveitar tamén para que unha parte do alumnado do Club de Lectura lle fixera unha entrevista previa: un material de primeira para a segunda edición de "O Eco do Val", que sairá en abril.

Para rematar a xornada, Xabier e Manel Cráneo xantaron coa sección de adultos de Libromanía. A sobremesa deu para facer intercambio de recomendacións lectoras -entre outras lerias varias-, coñecer os últimos proxectos do ilustrador e editor, e comentar algunhas das súas publicacións. 

E falando de "O Eco do Val"... neste enlace podedes ver un artigo que reseña a nosa actividade: en concreto a xuntanza de comentario de Al sur de la alameda, feito por Emily González.