1 nov 2018

Verse n@s outr@s

O venres 26 de outubro a sección de adultos deste club de lectura reuniuse para comentar O hibisco púrpura de Chimamanda Nogzi e Maíto Panduro, de Gonzalo Moure. Estas dúas lecturas permitíronnos achegarnos á vida dunha familia nixeriana e dun neno xitano, e foron un éxito, a verdade.

A durísima historia que conta Chimamanda conseguiu engancharnos dende a primeira páxina e sorprendernos ata o final co seu relato. A maioría xa estamos pensando en ler algunha outra obra súa.
Pese á súa brevidade, Maíto Panduro é unha obra impresionante, pola delicadeza e respecto coa que se amosan dous mundos ben distintos - o do alumno xitano e o da profesora paya- e a orixinalidade coa que o neno e o pai preso se comunican mediante debuxos.
No noso xantar-comentario tivemos a oportunidade, ademais, de probar os hibiscos, dóces e de sabor tan intenso como a impresión que deixaron en nós estas lecturas. Foi unha mágoa que non puidesemos estar tod@s...
Cara a finais de novembro comentaremos Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez e Fóra do normal, de María Reimóndez, coma a nosa rapazada.



21 oct 2018

Presentación!!!

O Xoves 11 de outubro estreamos o Club de Lectura do ano 2018/2019 e velaí van as fotos dos seus membros.


Benvidos todos!!

7 oct 2018

Comeza un novo curso para o club de lectura

O próximo Xoves comezaremos as reunións do club de Lectura.

A reunión terá lugar na biblioteca durante o primeiro recreo!!
Unha das propostas de lectura será "Fora do Normal" de María Reimóndez. 
Para o novo alumnado que se incorpora ao club de lectura esperamos que sexa unha experiencia pracenteira e para aqueles que repetides no club que sexa, por suposto, do voso agrado.

8 sept 2018

Xunt@s un ano máis

Querid@s lectores e lectoras:
Onte reiniciamos a nosa actividade despois do verán.
O grupo do alumnado de BAC comentou Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana, nunha xuntanza a media mañá. Aquí podedes vernos ao remate do conto.
A convocatoria para a sección de adultos (Huye rápido, vete lejos de Fred Vargas e Contra todo isto de Manolo Rivas), era, coma sempre, de xantar-comentario. Esta vez ademais de darlle á lingua moito e ben, acordámonos de sacar unha foto ao rematar...
Seguiremos informando de lecturas e datas da nosa actividade. Xa sabedes onde atoparnos!

27 jun 2018

Sempre hai que ter algo entre as mans

Pois si. Veu o verán de lecturas cheíño, e nós imos aproveitar ben o tempo.
A sección de adultos xa fixou unha nova xuntanza de comentario para a primeira semana de setembro: degustaremos Contra todo isto, de Manolo Rivas e Huye rápido, vete lejos, de Fred Vargas.
Iso de menú principal... logo cadaquén traerá algunha sobremesa saborosa da que falar.

E este ano, por primeira vez, tamén o alumnado máis veterano no clube se animou a comezar xusto á volta das vacacións comentando unha obra de lectura. Neste caso a proposta foi Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana.




16 jun 2018

Últimas sesións deste curso

Recordatoooorio!

O luns 18, no segundo recreo a sección do alumnado de menos idade -e calquera outro/a que queira vir-: comentario de La cruzada de los niños.

O mércores 20, no segundo recreo, xuntanza xeral do alumnado membro: peche das actividades deste curso, con algunha sorpresiña.
O venres 22, á hora de xantar, como vén sendo habitual, a sección de adultos tamén se reúne para ter a última xuntanza deste curso. Falaremos das obras que temos pendentes de comentario e estableceranse as lecturas de verán... hum... xa hai varias propostas deliciosas...

Por se tíñades curiosidade... o puzzle de libros, acabámolo. Aquí podedes ver como era de intensa a actividade para poñer as últimas pezas:

11 jun 2018

O tempo vaise, as lecturas quedan

Ao borde xa de rematar o curso, damos breve noticia dalgunhas actividades feitas neste último trimestre: rematamos maio coas lecturas no CEIP de Quiroga e no CEIP de San Clodio por parte do alumnado deste Club de Lectura (podedes ver as imaxes nestes enlaces ao facebook do centro onde se colgaron).
As lectoras e os lectores da sección do alumnado, participaron activamente en distintas propostas de "Abril de libros, maio de letras", ás que se fai referencia no blog da biblioteca máis polo miúdo. Iso si, unha das actividades estivo dirixida moi especificamente a eles/as: o encontro con Marilar Aleixandre, que visitou o noso centro o 3 de maio para falar dos seus libros. Aquí deixamos algunhas imaxes desa actividade (tamén houbo un encontro posterior coa sección de adultos de Libromanía, co habitual xantar de comentario):