26 jun 2019

Por fin!

Cadrou o momento por fin para ter un dos encontros máis adiados de Libromanía: o do comentario do grupo de alumnado de BAC. O calendario deste curso foi moi intenso para a maioría de nós, sobre todo para quen tivo que pasar recentemente polas ABAU!
Iso si, aproveitamos para falar das dúas lecturas que tiñamos pendentes: La Fundación, de Buero Vallejo e Crónica de una muerte anunciada, de Gabriel García Márquez. Aínda que en xeral gustaron (sempre hai algunha excepción), houbo diferencias en canto a cal das dúas era a preferida. Non está mal tendo en conta que son lecturas obrigadas...  ;-)
As lecturas por escolla propia farémolas este verán... caerán algunhas das que nos recomendamos mutuamente, seguro!

Unha parte desta sección de Libromanía... non hai maneira de estar o 100%!

6 jun 2019

Entrevista a Andrea Barreira Freije.



Libromanía aproveitou a visita de Andrea ao IEs, o 15 de maio, para facerlle unha pequena entrevista e así coñecela mellor e aclarar as dúbidas que lle quedaran despois da lectura de "Palabra de bruxa".




A gran travesía de Chiruca Macallás


Libromanía comentou o 30 de maio "A gran travesía de Chiruca Macallás" onde se conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación.



"Palabra de Bruxa"

Libromanía comentou  "Palabra de Bruxa"de Andrea Barreira Freije o 11 de abril. A través das páxinas deste libro coñeceremos  o que contan as bruxas e a súa verdade. 


Tivemos ademais o enorme pracer de contar no centro coa autora, a cal explicou ao alumnado todos os recunchos do seu libro e ademais contoulles os pasos a seguir para escribir un libro. E  gustosamente deu resposta a todas as preguntas que tiñan os alumnos/as. 


Libromanía traballa coa prensa

O alumnado do Club de Lectura reúnese na Biblioteca do centro para leer os periódicos e buscar neles noticias de mulleres relevantes en diferentes campos.
Estas noticias expoñense no RECUNCHO DAS DONAS dos deportes, das letras, das artes e das ciencias.





Libromanía e a Poesía

Con motivo da conmemoración do "día mundial da poesía", o 21 de marzo o alumnado pertencente ao Club de Lectura reuniuse no recreo para ler poemas. 
Libromanía elexiu diversos poemas de moi diversas autoras. Velaí unha mostra.


Video 






4 may 2019

O vento do mar en Quiroga

Hoxe o vento ávrego soprou a favor por fin: comentamos Ardalén de Miguelanxo Prado
Estaba previsto telo feito con anterioridade, pero non houbo maneira de cadrar as datas entre os membros da sección de adultos, e aínda así, fomos menos dos habituais. Unha verdadeira mágoa, porque deu moito que falar. Por suposto, encantounos.
Collédeo xa na biblioteca, se aínda non o lestes. É un libro que todo o mundo debería ler alomenos unha vez... porque, todo hai que dicilo, é difícil resistirse ao pracer de volvelo ler. 
No noso caso, devoramos esta obra de impresionante debuxo, na que se conta unha historia fantástica, en todos os sentidos da palabra; este relato aborda dun xeito sorprendente as relacións entre a realidade e a memoria das persoas. Pouco a pouco, o autor consegue enfeitizarnos coas imaxes e coas palabras, e lévanos ata o universo de ensoñacións mariñas de Fidel e Sabela.
Imposible resistirse á viaxe cara ao mar cando o ardalén ventea sobre nós, á beira dos cumes do Courel.

As seguintes lecturas que imos facer, coa idea de comentalas cara mediados de xuño, son Memoria do silencio, de Eva Mejuto e Solas, de Carmen Alborch.