24 ene 2014

De ratos e homes?

Onte tivo lugar a xuntanza da sección de adultos para comentar Maus, a célebre obra de Art Spiegelman, que deu para moito máis que para falar do argumento e do formato do libro: a historia do século XX estivo presente e tamén a evolución do cómic ao formato contemporáneo da novela gráfica.
As próximas lecturas propostas para este grupo son Victus de Sánchez Piñol e En galego, porque non?, de  Alberto Núñez Singala.

Hoxe continuaremos co taller de acrósticos no segundo recreo, para toda a rapazada.

17 ene 2014

Desta vai?

Ola, mozos e mozas.
Lémbrovos que hoxe temos unha nova xuntanza na que imos rematar eses versos acrósticos. Non vos esquezades.

9 ene 2014

Xa estamos aquí de novo.
Lembrade que mañá temos xuntanza do Club de Lectura no segundo recreo, para intercambiar os exemplares dos libros. Ademais haberá un taller de acrósticos. Animádevos, todos!
Os adultos temos a próxima reunión a vindeira semana. Non esquezades traer as vosas propostas para a seguinte lectura.

17 dic 2013

Nadal de lecturas


Ola, lector@s:

Recordade que estamos lendo, na sección xuvenil, O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, e na de adultos, Maus, de Art Spiegelman. Desta magnífica historia temos exemplares en castelán e en galego (estes grazas ao préstamo da Biblioteca de Redondela, porque están esgotados).

Nos dous grupos teremos a xuntanza para  comentar as obras despois do Nadal, porque agora non nos deu para máis. Disfrutade delas e doutros libros nestas datas, e non esquezades contalo á volta!

11 dic 2013

Páxinas con sabor

Ola de novo lector@s.
O trimestre vai indo e non hai tempo para nada, nen para actualizar esta bitácora, aínda ben que fomos facendo as xuntanzas previstas sen novidade:

O día 13 de novembro, a sección de adultos comentou O único que queda é o amor, e votou as tres mellores historias desta colección de relatos para propoñérllelos aos rapaces/as. Os contos seleccionados foron "Un radiante silencio", "Esta extraña lucidez" e "Loanza de la filatelia". A valoración global da obra foi moi boa, e deu para achegarnos a todo o universo narrativo de Agustín Fernández Paz, cheo de referencias literarias, e á obra de moitos outros autores, como o poetas José Ángel Valente e Wislawa Szymborska. Tamén houbo referencias á obra narrativa de Paul Auster, do quen leramos algo o ano pasado.

O día 15 de novembro os máis novos fixeron un percorrido por A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, aproveitando tamén para botar unha ollada pola súa traxectoria literaria, vendo exemplares de obras súas como Carta de Lisboa, De Profundis, Os compañeiros da orde  de pedra, Trazo de xiz ou a súa última novela gráfica, Ardalén, coa que gañou o Premio Nacional de Cómic.

O día 29 de novembro houbo outra xuntanza no segundo recreo, para distribuir os exemplares de O único que queda é o amor entre a rapazada, na que se aproveitou tamén para facer propostas de actividades lúdicas.

8 nov 2013

Datas próximas xuntanzas

O mércores 13, ás 16:00 na biblioteca, a sección de adultos xúntase para comentar O único que queda é o amor.
O venres 15, no segundo recreo, na aula de audiovisuais, os máis novos comentan A mansión dos Pampín.

11 oct 2013

Volver ás lecturas compartidas

Rapaces e rapazas, compañeir@s lector@s:
O verán rematou, as clases comezaron e o Club de Lectura Libromanía está en activo coas mesmas ganas do ano pasado.
O vindeiro venres 18, no segundo recreo, na aula de audiovisuais, celebraremos a nosa primeira xuntanza para a rapazada. Non faltedes!
A sección de adultos tamén vai ter unha reunión proximamente, estade atentos/as aos correos e a este blogue. Recórdovos que a lectura que imos comentar é O único que queda é o amor. Aínda hai exemplares á vosa disposición na biblioteca escolar.