5 dic 2014

Miniponte lectora

Imos indo cara o Nadal, o tempo esgótase e temos moitísimo estrés...
Relaxade todos e todas con algunha lectura lixeira!
Dende aquí propoñémosvos dúas con máis imaxes que palabras: Aya ou O Porto.
Vémonos o luns, coma sempre!


15 nov 2014

Novas xuntanzas

Lectores e lectoras de Libromanía:
Lembrade que o luns 17 no segundo recreo, hai unha chea de actividades; o mércores 19, no segundo recreo, hai unha reunión do grupo de lectura correspondente á ESO e o venres, tamén no segundo recreo, do grupo de lectura de BAC.
Por certo, o xoves 13 tivemos con nós a Carlos Negro, que veu facer un obradoiro de poesía no centro e aproveitamos para improvisar un recital, no segundo recreo. Así da gusto!

6 nov 2014

Aí ven a ponte do San Martiño...

... tempo de libros
Hoxe tivemos a xuntanza que estaba prevista para o luns, porque houbera que adiala a petición do alumnado, que andaba moi atarefado con exames. Iso si, hoxe aproveitamos para participar na actividade de recreación de Mafalda que ten activa a biblioteca, co gallo do seu aniversario; botamos un ollo ao terceiro concurso "Dalles nome" (agora adicado ás mulleres no deporte) e actualizouse o noso mural interactivo "Son noticia" e decidiuse facer un puzzle de libros nos recreos, aberto á participación de todos/as!
Foi unha xuntanza esgotadora... aínda ben que agora veñen uns días de repouso... ou non...

29 oct 2014

E para a semana...

... máis.

Lembrade que as próximas reunións do club de lectura son: para o alumnado da ESO, o luns 3 no segundo recreo, e para o alumnado de BAC, o martes tamén no segundo recreo.

Onte tivo lugar a xuntanza da sección de adultos de Libromanía, na que se comentaron O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna, Os dados do reloxeiro, de Xurxo Mariño Alfonso e Made in Galizade Sechu Sende.
Como curiosidade, e aproveitando a presenza destacada das Matemáticas este ano na biblioteca, podedes ver o seguinte vídeo, que ilustra perfectamente un dos artigos de Os dados do reloxeiro.


Os participantes escolleron como lecturas para vindeiras xuntanzas: para antes de Nadal e continuando co interese científico matemático: A ciencia no punto de mira, de Jorge Mira e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, "in memoriam"; para despois de Nadal, A conxura dos necios, de John Kennedy Toole e algún álbum ilustrado, aínda por determinar.

Ante a inminente visita de Carlos Negro ao noso centro, non podemos deixar de recomendar os poemarios Makinaria e Penúltimas tendencias. Animádevos, e descubriredes novas posibilidades da poesía!

16 oct 2014

Todos os luns...

O luns pasado decidiuse que a primeira lectura deste ano para o grupo de primeiro ciclo da ESO é USHA, de María Reimóndez.
O outro grupo de alumnado vai ler Makinaria e Penúltimas tendencias, aproveitando que o autor destes poemario, Carlos Negro, virá visitarnos en breve.
Lembrade que o próximo luns haberá xuntanza no segundo recreo, na aula de audiovisuais para comezar a actualizar o taboleiro-diario "Son noticia".
No que se refire aos adultos, o martes 28 pola tarde, no horario e lugar habitual comentaremos as lecturas do verán: Os dados do reloxeiro e El bosque de los zorros (ademais de calquera outra lectura que tiveramos nas mans e queiramos compartir co grupo, coma sempre ;-)).
Aquí quedan unhas fotos da reunión informativa sobre o funcionamento deste club de lectura e unha sección do alumnado que conforma o grupo de lectura de BAC:



3 oct 2014

Primeira reunión deste curso

Ola, incansables lectores e lectoras!
Recórdovos que o próximo luns 7 de outubro, no segundo recreo, na aula de audiovisuais temos a primeira xuntanza deste ano. Non esquezades vir!

12 jun 2014

Chega o momento... das vacacións!!!

Queridos lectores e lectoras:
O curso vai rematando... A despedida oficial xa a fixemos o día 30 de maio, na excursión a Lugo.
Lede moito no verán e volvede con gañas de falar do que lestes!