22 jun 2015

E chegou o remate de curso

Este ano pillounos por sorpresa, non houbo tempo de facer algunhas actividades previstas, coma a saída/excursión final nin a selección de adquisicións para o vindeiro curso; quedan pospostas ata setembro.
O grupo de adultos, ao que todo o que le lles sabe a pouco, acordou engadir outra lectura á proposta que xa había para o verán (Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño): ... e os domingos, un croissant, de Úrsula Heinze.


4 jun 2015

O curso vaise acabando...

O tempo váisenos e non damos feito. Non por falta de ideas eh!
Os membros máis novos deste Club de Lectura andan a todo dar cos exames: se maio non deu para moitas xuntanzas, xuño xa nin vos conto... Os maiores, que sempre imos estamos cheo de traballo, tamén andamos adiando reunións comentario e os máis puntuais nas lecturas tírannos das orellas...
Pois ben, no que se refire á sección de adultos, o vindeiro martes día 9, botaremos un conto sobre La princesa de hielo, de Camila Läckberg (hai quen o leu ata en versión comiqueira) e Unha humilde proposta, de Jonathan Switf.

Isto foi o que fixemos dende que non demos sinais de vida...
Como moit@s de vós saberedes, este ano houbo unha nova edición do
Mercado do Libro de Segunda Man, quizais menos exitoso que noutras convocatorias, porque como ben dicides, cada vez nos custa máis desprendernos dos libros que temos...

Mercado do Libro de Segunda Man
Ademais, Libromanía colaborou coas actividades que a biblioteca do centro activou dende abril para conmemorar conxuntamente, nun contínuum, o Día do Libro e o Día das Letras (Abril de libros... maio de letras!): exposición "Libros para ver", árbores con propostas lectoras, lecturas compartidas en distintas linguas... de todo isto tedes novas no blog da biblioteca (ver enlace da barra lateral).

29 abr 2015

Pois foi

Ben, finalmente tivo lugar onte o comentario de Festina lente e dos volumes III, IV e V de Blacksad, por parte da sección de adultos deste club.
A obra de Marcos Calveiro foi valorada moi positivamente, e iso que case todos os lectores e lectoras coincidíamos en admitir a dificultade de seguir un discurso narrativo con tal amplitude de léxico. O interese que xeraba a trama argumental e a magnífica ambientación na época na que se desenvolve, compensaron eses atrancos de vocabulario. A maioría de nós fixemos propósito de darlle unha segunda volta, con máis vagar, para degustala mellor, tal como se merece.
Tamén no caso de Blacksad se tratou, entre outros aspectos, a súa detallada ambientación na América dos anos 50, que lle permite aos autores achegarse a elementos tan propios da cultura norteamericana como a "caza de bruxas", o perigoso mundo que envolve a música en Nova Orleáns ou a xeración "Beat".
As próximas lecturas para o grupo de adultos son La princesa de hielo, de Camila Läckberg, e Unha humilde proposta, de Jonathan Switf. A proposta é comentalas cara finais de maio.


26 abr 2015

Aviso a lectores e lectoras

A reunión para o comentario das lecturas da sección de adultos, prevista para o martes 21, que tivo que ser adiada, será finalmente o martes 28, nas mesmas condicións que estaba prevista.
Nesta imaxe podedes ver ao alumnado do Club de Lectura dándolle duro á composición do puzzle.

10 abr 2015

Abril... libros mil

 Próximas xuntanzas:
O luns 13, no segundo recreo, na sala da ANPA, comentamos Aya de Yopougon.
O martes 14, tamén no segundo recreo, terá lugar unha reunión co grupo de BAC, para ir organizando as distintas actividades que van ter lugar de aquí ao remate do curso: mercado do libro, comentario de Blacksad, celebración do Día do Libro e do Día das Letras (este ano cunha "sonada" sorpresa)...
Por outra parte, a vindeiro encontro para a sección de adultos vai ser o martes 21: nesa data falaremos entre petisco e petisco, como as últimas veces, de Festina lente e dos seguintes volumes de Blacksad.
Queda dito!

18 mar 2015

Seguimos con libros entre as mans

Aínda que non damos sinais de vida na web con toda a periodicidade que sería desexable, seguimos lendo e falando de libros: por unha parte, os máis novos teñen entre mans Aya de Yopougon (ESO) e Blacksad (BAC), e os seniors aínda tivemos onte a reunión para comentar Un viaje de 10 metros e Blacksad (I e II). Calquera deles deu moito que falar... grazas que palabras non nos faltan :-).
A nosa seguinte lectura é Festina lente, de Marcos Calveiro.

A rapazada, por certo, segue dándolle con ánimo ao puzzle de libros, aínda que agora andan cos recreos moi ocupados con exames, traballos e tarefas para nota... é que hai cada profesor escravizador... :-)

20 feb 2015

De Ignatius e outros especimes literarios

Onte tivemos a xuntanza para comentar A conxura dos necios, que tivera que ser aprazada en dúas ocasións por distintos motivos, pero vingámonos cun xantar-comentario.


















Ollo: a seguinte data de reunión para a sección de adultos é o 17 de marzo, na que falaremos de Blacksad e de Un viaje de 10 metros. Xa sabedes: estades todos/as convidados.
Para a rapazada: o vindeiro luns no segundo recreo haberá unha xuntanza xeral, para ir preparando distintas actividades ata maio. Non faltedes!